SGHN ven de ter coñecemento das tarefas de desbroce e claras que se están a realizar nas formacións de aciñeirais dentro da Zona de Reserva do Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra. A zona afectada sitúase na ladeira leste-surleste de As Galegas.
SGHN considera que ditas actuacións son inxustificables e incompatibles co estatus de Zona de Reserva desta xoia da natureza galega. Por iso ven de solicitar á DX de Patrimonio Natural (PDF) información sobre se ditos traballos forestais contan cós informes e permisos administrativos preceptivos.
En caso de non estar autorizados, SGHN solicita á DX de Patrimonio Natural que adopte todas as medidas necesarias para:
- Garantir a súa paralización inmediata.
- Identificar aos autores.
- Depurar as responsabilidades a que houbera lugar.
- Facilitar a rexeneración natural dos terreos.
En caso de estar autorizadas, SGHN solicita á DX de Patrimonio Natural que lle facilite copia de todos os informes e resolucións para coñecer os criterios técnicos, legais e ambientais empregados para autorizar ditos traballos forestais nun espazo declarado ZEC, ZEPA e Parque Natural. Máxime ao facerse xa en tempada de cría da fauna e con afección a formacións vexetais moi escasas en Galicia.