Neste sábado 13/05/2023 na SGHN-Ourense conmemoramos o día das aves migratorias. Claro, o máis normal é celebrar o día das aves migratorias en zonas onde é doado disfrutar delas; pero, as veces, convén achegarse aos espazos urbáns nos que tamén están presentes as aves, esto foi o que escollimos para este ano.
Evidentemente, dentro das cidades sempre hai espacios máis axeitados que outros, sobre todo si se conta con parques, ríos e ribeiras ou rúas con arboredo, especialmente cando a xestión dos mesmos é respectuosa có entorno, cousa que non é o máis habitual.
Con esta introdución xa se pode intuir que para a celebración do día das aves migratorias 2023 os compañeiros da Delegación de Ourense escolleron parte do tramo urbán do río Barbaña e un curto percorrido polas rúas pasando polo xardín do Posío e o entorno da Praza Maior para rematar na Alameda, na cidade de Ourense.
O Barbaña é un río “comprimido” pola cidade que conta con algo de arboredo e vexetación diversa (incluíndo especies ornamentais). Nalgúns lugares ás súas beiras vense “ampliadas” por zonas verdes anexas o que fai do espazo un punto de interese para diversas aves, como puidemos comprobar ao longo do paseo: lavancos, lavandeiras, pombos, merlos, ferreiriños, xiríns, pegas … estando en plena época de nidificación e cría das especies, puidemos observar niños de pombos ou lavancos e unha familia de ferreiro común cos dous pais cebando constantemente a catro polos voandeiros.
Nas rúas, cando se deixa atrás o río, a presenza de aves é menor pero sempre se pode ver algunha especie que aproveita as árbores e os ocos dos edificios: as inevitables pombas domésticas, os pardaos, os merlos, os rabirrubios, os xílgaros, as gaivotas, os cirrios, … e mesmo algunha sorpresa como unha aguia calzada voando a gran altitude.
E onde se agardaba ambiente, o xardín do Posío, non había moito que ver máis alá das especies xa observadas antes. O certo é que cada vez no Posío hai menos vexetación e ésta está menos vigorosa, así que as condicións para as aves empeoran día a día tal como quedou patente na xornada.
Xa polas rúas do casco vello, os soares baleiros e os ocos das casas vellas son de interese para a observación desas aves máis urbanitas, incluso podemos sorprendernos en plena cidade cun niño de rabirrubio con catro polos que non paraban de reclamar o seu sustento.
Adxúntase listado de especies observadas nas 3 horas de paseo celebrando o día das aves migratorias, por orde de aparición:
- Columba livia domestica – Pomba doméstica
- Columba palumbus – Pombo
- Streptopelia decaocto – Rola turca
- Passer domesticus – Pardao
- Anas platyrrhynchos – Lavanco
- Troglodytes troglodytes – Carriza
- Turdus merula – Merlo
- Larus michahellis – Gaivota patiamarela
- Chloris chloris – Verderolo
- Pica pica – Pega
- Apus apus – Cirrio común
- Motacilla cinerea – Lavandeira real
- Serinus serinus – Xirín
- Sturnus unicolor – Estorniño negro
- Motacilla alba – Lavandeira branca
- Sylvia atricapilla – Papuxa das amoras
- Ciconia ciconia – Cegoña
- Parus major – Ferreiro real
- Aegithalos caudatus – Ferreiriño rabilongo
- Phylloscopus ibericus – Picafollas ibérico
- Certhia brachydactyla – Subidor común
- Periparus ater – Ferreiro dos piñeiros
- Falco tinnunculus – Lagarteiro
- Curruca melanocephala – Papuxa de cabeza negra
- Cettia cetti – Rousinol de auga
- Carduelis carduelis – Xílgaro
- Regulus ignicapilla – Estreliña riscada
- Hieraaetus pennatus – Águia calzada
- Accipiter gentilis – Azor
- Phoenicurus ochruros – Rabirrubio tizón