Día do Medio Ambiente 2022 pola Serra Martiñá

Desde hai uns meses a Delegación de Ourense iniciou un traballo multidisciplinar para coñecer mellor o ZEC Pena Veidosa, un espazo a priori bastante degradado pola acción dos continuados incendios forestais pero que, como estamos a comprobar, agocha dentro da superficie protexida e a súa contorna inmediata máis do que aparenta.

Dendo o miradoiro de San Martiño

O miradoiro de San Martiño foi o lugar escollido para o primeiro relatorio da xornada no que se falou da historia económico/social do Mosteiro de Oseira e de feitos singulares alí acontecidos: de foros, rendas, granxas e casares e máis dos cambios na propiedade dos terreos especialmente os montes comunais, do “axustizamento” dun prior a máns das mulleres de Vilanfesta e mesmo do conflito do baldaquino que levou ás protestas cidadáns e rematou coa morte violenta de varias persoas por disparos da Garda Civil.

Polo río de Oseira

Dende o aparcadoiro do Mosteiro chaman a nosa atención o voo dos cirrios e as tilieiras que estiveron incluídas no catálogo de árbores senlleiras ata o seu desmouche fai uns anos. O aparcadoiro é o inicio da ruta que nos levará augas arriba do río Oseira para desfrutar tanto do medio natural como dos elementos etnográficos (o lavadoiro, a represa para cría de peixes, o muíño coa a súa levada, …) e dos retrincos que aínda perduran da paisaxe agraria tradicional no que destacan algúns lameiros que aínda son aproveitados a día de hoxe e que conservan unha importante diversidade vexetal e entomolóxica como ben puidemos observar.

O camiño remata nas casas de Vilaenfesta onde nos contan que na contorna inmediata había tres muíños que aínda estaban funcionando a finais da década de 1970 pero hoxe son case inaccesibles porque os camiños están pechados pola vexetación e o abandono.

O entorno semella bastante limpo de residuos pero a pouco que nos fixemos sempre aparecen acá ou acolá algúns restos de plásticos e outros residuos que os camiñantes se ocuparon de ir recollendo e que depositaron axeitadamente nos contedores do lixo.

Con algunhas reflexións improvisadas sobre temas ambientais e desfrutando das charlas e con algunhas explicacións acerca das especies que se localizan na zona remata a mañá e tómase un descanso para xantar.

Por Ardesende

Ao lonxe vaise achegando unha treboada que nos leva a recoller e seguir camiño para coñecer un deses pobos no que se conservan varios elementos singulares típicos da contorna: Ardesende.

O primeiro que hai que comentar é que fai uns anos houbo una grande polémica porque ao parecer destruíuse unha mámoa para colocar unha mesa de pedra e houbo denuncias, segundo comentan as xentes do lugar alí había unhas pedras que se sacaran dunha cuadra.

Entre os elementos destacados de Ardesende hai que citar: o lavadoiro, fontes, o forno (sen restaurar), algunhas casas de moi boa feitura, os hórreos e as varias airas de pedra que pouco a pouco van quedando cubertas pola vexetación; tal e como expresan os presentes unha mágoa que se perda toda esta riqueza etnográfica e patrimonial.

Na Martiñá

A seguinte parada é o pobo de Martiñá, que da nome a serra, moito máis pequeno que Ardesende pero tamén có seu pilón (remodelado), casas singulares, forno e aira.

Tendo en conta a treboada e a escasa visibilidade cambiouse o plan e en lugar de subir as abas da serra para albiscar parte da provincia decidiuse arrodear a zona de traballo pasando a Lugo e voltando a Oseira onde finalizou a xornada.

E non queda máis que agradecer a todos os participantes e organizadores a súa presenza e colaboración para desfrutar doutra ben interesante e entretida xornada celebrando o día do medio ambiente aprendendo e coñecendo a nosa provincia.