Paseniño imos retomando o pulso das actividades de divulgación e sensibilización, celebrando nesta ocasión e cun atraso dunha semana, o día das aves migratorias por A Limia. Pero aproveitouse ben este atraso porque se engadiron á xornada dúas actividades singulares:
- Visita ao VIII Mercado de artesanía e produto local en Vilar de Santos.
- Participación na “Gran Semana”, un evento de ciencia cidadá para recoller datos de biodiversidade a nivel nacional do 20 o 29 de maio.
Na Veiga de Gomareite pola mañán
E nada mellor que comezar a xornada na Veiga de Gomareite para avaliar os resultados dos traballos de recuperación do hábitat realizados nos últimos anos (máis…). A seca anómala deste ano é evidente; a veiga, que debera ter alomenos o terreo enchoupado, está enxoita e a vexetación está reseca ata o punto de que semella unha situación máis propia de mediados ou finais de xuño que de finais de maio. Mesmo os cardiños da lagoa xa comezan a florecer.
O comité de benvida está formado por unha familia de chascas que revolotean inquedas entre as matogueiras e silveiras da pista de acceso á veiga ao ritmo dun reiseñor que canta ben agochado aos nosos ollos. Mentres ao lonxe voa maxestosa unha tartaraña cincenta, e as omnipresentes cegoñas baixan a alimentarse nos campos da contorna.
Ao longo do paseo obsérvanse e escoitánse outras aves: un tecelán, un bando de pombas torcaces e outro de conícoras bastante alonxadas da veiga, unhas carrizas, paspallases, rulas, varias lavercas que se alimentan no chan e despregan os seus típicos voos, algúns siríns, trigueiróns, as esquivas papuxas do mato que levan comida dentro dos silveiros e os liñaceiros que se achegan a beber nas charcas. Nas charcas hai menos especies que noutras ocasións, unhas poucas rás, un par de lavancos e un bilurico alinegro. Na veiga destácase a presencia dalgunhas especies de plantas singulares como Eryngium viviparum, Serapias cordigera, Badleia ranunculoides ou Scirpus lacustris.
No VIII Mercado de artesanía e produto local en Vilar de Santos ao mediodía
A Veiga de Gomareite é un espazo no que hai moitos e interesantes estímulos para calquera amante da natureza e case nunca defrauda, tan entretidos andabamos que pasou o tempo voando e case sen darnos conta chegou o momento de visitar a feira de Vilar de Santos, facer un descanso e recuperar forzas para a tarde.
No CDR O Viso en Lodoselo pola tarde
Nada mellor que as instalacións do CDR O Viso en Lodoselo para completar a xornada cunhas interesantes charlas sobre as migracións dos animais, especialmente das aves, e a importancia das zonas húmidas en xeral, e as da Limia en particular, coas intervencións de Antonio Ferreirós e Serafín González.
A mensaxe é preocupante: algunhas das especies coas que convivimos están a desaparecer axiña e os nenos de hoxe asumen con naturalidade esta nova situación na que non van coñecer os vagalumes, nin as anduriñas, nin moitas outras especies. Todo isto como consecuencia da emerxencia climática cós seus cambios ambientais repentinos aos que algunhas especies son incapaces de adaptarse coa suficiente rapidez para garantir a súa supervivencia.
Ese fenómeno é especialmente preocupante para moitas especies de aves migratorias que teñen na súa memoria interna un patrón migratorio -xerado ao longo de moitas xeracións- que hoxe comeza a ser inaxeitado e que non se pode cambiar de súpeto. Pero nós podemos axudar a paliar algo esta problemática procurando que as aves dispoñan de espazos onde refuxiarse, alimentarse ou descansar tanto nos puntos de orixe e destino como ao longo da súas rutas migratorias.
As zonas húmidas son, sen dúbida, un destes espazos importantes para a diversidade en xeral e para as aves en particular, porén son os máis ameazados a nivel mundial. Abonda como exemplo o desecamento da lagoa de Antela e das zonas húmidas da chaira limiá.
Das 246 especies de aves rexistradas na Limia, a metade son en certa medida migratorias e hai observacións de movementos migratorios en pasos prenupciais e posnupciais para moitas delas, como son: pato do estío, bruión, gaivota tripeira, papamoscas negro, cuco, píllara de colar, cullereiro, garza vermella, liñaceiro, pimpín común, ….
Éstas e outras especies precisan dispor deses espazos refuxio cada vez máis escasos por eso desde SGHN, coa colaboración de moitas persoas incluídos os amigos do CDR O Viso, estase a traballar para restaurar e recuperar eses hábitats buscando compatibilizar as actividades económicas e produtivas coa conservación. E con estas e outras reflexións finaliza outra interesante e completa xornada disfrutando da compaña e do entorno, moitas grazas a tódolos participantes e as persoas que fixeron posible este día.