E ti de quen es?

Nos últimos tempos comenzouse a ollar polas nosas praias a presenza de “buscatesouros” equipados con todo o preciso para “limpar” os areais de todo obxecto potencialmente valioso. Pero, en tan afanosa busca, non se preocupan pola abondosa “basuraleza” que nos vomita de volta o mar, farto das enormes cantidades de lixo que recibe a diario. Semellanse demasiado ás brigadas de “limpeza” que eliminan a vexetación ao desbrozar ao carón de camiños, pistas ou estradas pero deixan canto lixo hai.

Buscatesouros littoralis ssp. gallaecica

Afortunadamente, tamén cada día se ven máis persoas que son uns auténticos tesouros, que buscan e recollen a “basuraleza”, tanto nas praias como no resto do medio natural.

Voluntarios retirando “basuraleza” nunha praia

A que agardas para unirte aos que axudan a eliminar a “basuraleza”? Imaxina que os centos de milleiros de bañistas que disfrutan das nosas praias, mariñas ou fluviais, simplemente recollen o lixo nun radio dun par de metros arredor das súas toallas. Imaxina que só retiran o lixo, e deixan as algas e outros restos naturais que cumpren unha función nas praias. O resultado sería increíble!

Lembra que de ti depende ser parte do problema ou da solución.

Lembra que non hai maior erro que o de quen non fixo nada pensando que só podía facer un pouco.