Electricidade e biodiversidade na ZEPA da Limia

Dende a electrocución dunha cegoña…

Vai facer dous anos, o 20-05-2017, un equipo de SGHN atopou morta, aparentemente por electrocución, unha cegoña branca (Ciconia ciconia) adulta. Estaba xusto debaixo do apoio dun tendido eléctrico na veiga de Vilar de Gomareite, na ZEPA da Limia.

Cegoña branca (Ciconia ciconia) electrocutada

Para evitar que se repetisen feitos como ese, SGHN solicitou á DX de Patrimonio Natural (Consellería de Medio Ambiente) que adoptase todas as medidas posibles dentro das súas competencias para que a empresa propietaria do tendido eléctrico adaptase todos os apoios para evitar novas electrocucións de aves (véxase RD 1432/2008).

Recentemente, SGHN comprobou que nos postes máis perigosos dese treito de tendido se instalaron disuasores para evitar que as aves se pousen neles e diminuir o risco de electrocución. Agardamos que sexan efectivos e felicitamos á D.X. de Patrimonio Natural polas xestións feitas ao respecto. Pero compre lembrar que no resto da ZEPA da Limia quedan aínda ducias de postes potencialmente perigosos para as aves.

…ata unha enorme contaminación lumínica

Pero, falando de electricidade, os tendidos non son os únicos perigos para a biodiversidade na ZEPA da Limia. No corazón mesmo do sector da ZEPA de A Limia na antiga lagoa de Antela hai unha subestación eléctrica cun alumeado nocturno totalmente desproporcionado e pésimamente orientado. Os focos, orientados ao ceo, xeran unha enorme contaminación lumínica comparada coas farolas apenas visibles dos pobos máis próximos.

Os efectos negativos da contaminación lumínica sobre a actividade da fauna (morcegos e aves de actividade ou migración nocturna) son ben coñecidas (máis…). Por iso, SGHN ven de solicitar á D.X. de Patrimonio Natural que inste á empresa propietaria da subestación para que modifique o alumeado. Que os focos non alumeen o ceo senón a terra, e só coa intensidade necesaria por seguridade. Serían todo vantaxes:

  • Redución do despilfarro enerxético e dos gases de efecto invernadoiro.
  • Redución das molestias á fauna.
  • Recuperación do pracer de observar o ceo nocturno, patrimonio da humanidade.