Enerxía: un problema para cada solución?

Unha boa idea no lugar equivocado

No DOG do pasado 27-12-2021 publicouse o “ACORDO do 21 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción dunha planta solar fotovoltaica no concello de Vilalba (expediente LU-2021-03)”. A empresa Tecnorenova Solar SLU con sede en Vilalba (Lugo) pretende instalar en solo rústico a planta solar fotovoltaica de 750 kW “FV Porto Barroso” que constaría de 1.872 paneis de 1,10 x 2,38 m montados sobre estrutura fixas ou mesas orientadas en dirección sur e cun sistema de movemento a un eixo de +/-60º para aproveitar a incidencia solar e 1 centro de transformación. As instalacións ocuparían 1,58 das 2,29 ha da parcela.

Velaquí un novo exemplo de perversión das mellores alternativas para descarbonizar a economía e loitar contra o cambio climático. Semella que algúns promotores de enerxías renovables estiveran empeñados en converter cada posible solución nun novo problema ambiental.

Razóns de SGHN para opoñerse ao proxecto

Baixo os auspicios da Unión Internacional de Ciencias do Solo e co apoio unánime da Conferencia da FAO, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas instaurou o 5 de decembro como Día Mundial do Solo. Celébrase dende 2014 para difundir a importancia duns solos sans e avogar pola súa xestión sustentable.

Xa nos materiais divulgativos editados co gaio do Día Mundial do Solo de 2016, a FAO salientaba os impactos negativos do selado do solo ou “Cobertura permanente da superficie do solo con material artificial impermeable”:

  • Perda non reversible do solo.
  • Perdas de produción de alimento e fibra.
  • Perda significativa ou total de retención de agua no solo.
  • Redución da capacidade de neutralización e purificación.
  • Redución da capacidade de secuestro de carbono.

Uns solos sans e o seu uso sustentable son imprescindibles para acadar 7 dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU. Tanto na Estratexia temática da UE sobre a protección do solo como na Proposta de resolución do Parlamento Europeo sobre a protección do solo (2021/2548(RSP)) saliéntase a urxente necesidade de previr ou minimizar o selado de solos co obxectivo de non ocupación neta de terras en 2050.

Levar as boas ideas aos lugares axeitados

Existindo en Galicia centos, ou milleiros, de hectáreas de tellados que poderían acoller placas solares fotovoltaicas en naves de diversos tipos (industrias, granxas, polideportivos, …), así como en edificios en zonas sen valores patrimoniais, resulta totalmente absurda e inaceptable a pretensión de destruír solos naturais ou cultivados (recurso non renovable a escala de tempo humana) para instalar plantas solares fotovoltaicas, por moi renovable que sexa este tipo de enerxía.

Ademais, ao xuntar os lugares de produción e consumo e ademais en zonas que xa contan con infraestruturas eléctricas, a instalación de placas solares fotovoltaicas nos tellados de edificios minimizaría a necesidade de novas liñas de media ou alta tensión para evacuar a electricidade producida.