Bolboretas do Parque Natural Enciña da Lastra (Ourense)

Nymphalis antiopa

Publicouse no número 19 da revista BRAÑA un artigo sobre as bolboretas diurnas (Papilionoidea) do Parque Natural de Enciña da Lastra, situado na extrema Este da provincia de Ourense.

Neste artigo recóllense a situación das 108 especies identificadas polos autores así como das citadas anteriormente. Tamén recóllese a distribución en UTM de 1×1 km, fenoloxía e preferencias de hábitats. Estas 108 especies converten a esta zona nunha das mellores para observar e conservar as bolboretas en Galicia, un auténtico hotspot local. Debemos destacar que a superficie do Parque Natural é de 3.152 ha, moito menor que as Fragas do Eume, Courel, Ancares, Pena Trevinca…

A situación nunha zona cunha climatoloxía de altas temperaturas e un solo de calías, cunha flora asociada de notable interese debido a este tipo de solo, fan deste pequeno recuncho un lugar excepcional para estes e outros insectos.