
O proxecto nace en 1984 coa denominación de programa ESENGA. Este proxecto ten como obxectivo o coñecemento da biodiversidade entomolóxica galega, tanto na biodiversidade alfa (riqueza en especies) e a biodiversidade gamma (hetereoxeneidade xeográfica), como elemento prioritario para coñecer que especies están presentes e cal é a súa distribución xeográfica.
Inicialmente encetouse a traballar sobre grupos concretos: Familias Nymphalidae e Pieridae (Lepidoptera), Lucanidae (Coleoptera) e a subfamilia Carabinae (Coleoptera), e posteriormente engadiuse a orde Odonata. Estes grupos xonguen a peculiaridade de ser accesibles a unha determinación doada e estar considerados bioindicadores da saúde de varios biótopos.
Trátase dun proxecto cobizoso, pero a necesidade de, polo menos intuír o que vive nesta área xeográfica, era e é enorme. Incendios forestais, minicentrais hidroeléctricas que decotan o fluxo de especies nos ríos, destrución da vexetación do país, especies invasoras e un longo etcétera, son unha parte dos problemas que inciden directamente sobre os organismos vivos e a entomofauna e particular. Todos estes procesos estanse a desenvolver sen ter datos de como afectan ós insectos e á biota en xeral, máxime cando descoñecemos que abrangue a “entomofauna galega”.
Os primeiros traballos organizados encamiñados a un cartografado entomolóxico partiron da iniciativa de John Heath e Jean Leclerq, que aportaron as directrices básicas para a recollida de información, o seu manexo e publicación.
En diversos países de Europa publícanse non só atlas, senón tamén revisións dos mesmos, o que implica un labor inxente e de alto nivel científico e inconmensurable participación de moitas persoas. Destaca neste eido as Illas Británicas e Bélxica e o proxecto Millenium Atlas onde dez mil voluntarios recolleron máis de millón e medio de rexistros (Munguira in Shilap 30(118)).
Dentro da fauna peninsular encetáronse estes traballos coa publicación do Atlas Provisional Lepidopteros del Norte de España (1977) por Gómez de Aizpúrua e o Atlas Provisonal Lepidopteros de Madrid (1987), do mesmo autor, seguidos doutros traballos posteriores.
Con estes antecedentes e sendo Galiza o límite occidental de moitas especies pola súa condición de finisterrae, xustifícase sobradamente a necesidade de contribuír á concreción deste proxecto.
OBXECTIVOS
- Cartografar e publicar toda a entomofauna galega en cuadrículas UTM de 10 x 10 Km, tal como se realizou no Atlas de Vertebrados de Galicia ou noutros atlas de insectos publicados (SGHN 1995; ASHER et al., 2001)
- Determinar a fenoloxía e requisitos ecolóxicos das especies tratadas.
- Coñecemento da biodiversidade entomolóxica galega, tanto na biodiversidade alfa (riqueza en especies) e a biodiversidade gamma (heteroxeneidade xeográfica).
- Potenciar os estudios de biodiversidade entomolóxica.
- Crear unha biblioteca especializada, aberta a consultas, sobre traballos e estudios de entomofauna galega
- Paralelamente á recollida de dados dos grupos citados, tómanse tódolos dados posibles de outros grupos para crear un banco de datos sobre entomofauna en xeral que sirva de base a posteriores traballos ou estudios, tanto propias como alleas.
- Dispor de criterios para formular plans de conservación e así priorizar a protección do espazo e os espazos protexidos.
O obxectivo último é publicar e por a disposición pública este coñecemento, así como promover o rexistro ordenado e sistemático de toda a información biolóxica posible. Máis detalles no Entomoloxia_Protocolo_esenga_V9. este documento acompáñase dun libro excel para incorporar os datos e un Secc_entomo_Libro_excel_toma_datos_ESENGA_V2.
En 2015 publicamos o primeiro atlas: Atlas e libro vermello de Carabini, Cycrini e Lucanidae (insecta coleoptera) de Galicia.
CRITERIOS TAXONÓMICOS
Para facilitar a identificación das especies, e asumindo as pequenas variacións que aporten as novidades en investigación taxonómica, o criterio referencia para as taxa será o de Fauna Europaea (http://www.faunaeur.org).
RECURSOS INFORMÁTICOS
- Descarga de arquivo excel Bio_tabularium_2020
- Programa gratuíto de xeorreferenciación. http://www.qgis.org/es/site/
- Lista taxonómica www.faunaeur.org
- Programa de aplicacións xeodésicas do IGN http://www.ign.es/wcts-app/
- Área de Gbif España con diversos recursos informáticos gratuítos https://www.gbif.es/software/