7ª Edición na procura do abellaruco

Coñecendo o descoñecido concello de Riós

Ourense, 15-07-2017

Outra fantástica xornada coñecendo eses nosos patrimonios cercanos e descoñecidos que nos fan ser cada vez máis conscientes de que temos moito e bó por coñecer na nosa provincia. Pero tamén nos fan reflexionar sobre a situación da xente no rural, a conservación ou a modificación dos hábitats agrogandeiros tradicionais e as consecuencias sobre a biodiversidade.

Por fin chegou o día iniciando por séptimo ano consecutivo a nosa cita cós abellarucos (Merops apiaster); cada ano un pouco máis complicado pois pouco a pouco imos alonxándonos das zonas habituais e coñecidas de cría da especie tentando de atopar novas localizacións e tomando datos da súa presencia na nosa provincia.

Despois dun bó rato de observación da actividade das aves o obxectivo da xornada estaba cumplido e xa só quedaba disfrutar das outras maravillas da zona, empezando polo río Mente, e nada mellor que escoitar a Xosé Ramón Reigada explicar a importancia natural deste lugar de transición entre os mundos atlántico e mediterráneo aderezado polos comentarios de Mara do Museo Arqueolóxico expoñendo a importancia da zona como área de encontro entre distintas culturas como corroboran os achados arqueolóxicos da contorna. Este momento de contemplación do val do Mente foi moi especial por esa “converxencia” dos elementos dos patrimonios natural e cultural nun mesmo espacio. A pesares de posuir valores de interese natural recoñecido, o Concello de Riós non conta con ningún espazo natural protexido nin incluído na Rede Natura e na última proposta de ampliación da rede natura SGHN solicitou, entre outras,  a creación do LIC río Mente como corredor biolóxico entre os Parques Naturais do Invernadeiro e o de Montesinho e co novo LIC de Penas Libres. Xosé Ramón Reigada defende especialmente a necesidade de protección dos aciñeirais típicos das zonas térmicas do río que están a sufrir unha enorme degradación entre outras cousas pola reforestación con especies de crecemento rápido especialmente con Pinus radiata.

Sendo un dos valores destacados os florísticos descendemos por un camiño de forte pendente hacia a zona máis accesible do cañón e no descenso xa imos apreciando o cambio da vexetación con aparición das aciñeiras. Unha vez nos lameiros na marxe do río basta unha pequena ollada ao redor para localizar especies singulares:Viburnum opulus, Viburnum lantana, Equisetum sp., Helleborus foetidus, Ulmus sp. O lugar precisaría adicarlle máis tempo para afondar no coñecemento da zona pero o tempo pasa moi rápido e xa é case a hora de xantar así que debemos voltar aos coches para chegar ao restaurante á hora prevista deixando sin facer algunhas das cousas previstas para a mañá.