Na constelación de Ofiuco (O Encantador de Serpes) fronteira con Escorpio, atópase unha das áreas máis coloridas do ceo nocturno. Esta rexión é notable polas súas densas concentracións de gas e pó, que a converte nunha das zonas coñecidas de formación de estrelas máis próximas ao Sol. Atópase a 460 anos luz e ten un tamaño de 4,5 por 6,5 graos de arco.
O Campo de nebulosas é unha colorida colección de obxectos astronómicos próximos á estrela binaria Rho Ophiuco da que recibe o seu nome. A asombrosa variedade de cores que se ven representa as diferentes lonxitudes de onda da luz infravermella. Así a nebulosa branca brillante (IC 4604), brilla debido ao quecemento das estrelas próximas e é unha nebulosa de emisión. O mesmo que as azuladas (IC 4603 e IC4605). As de cor vermella brillante, debidas á estrela Sigma Scorpii, son unha nebulosa de reflexión. E as nebulosas escuras son bolsas de gas denso e frío que bloquean a luz, son nebulosas de absorción. No campo hai tamén estrelas e cúmulos globulares que se atopan a distancias moito maiores, tales como Antares, Alniyat, M80, NGC 6144 e M4 entre outros.
Rho Ophiuchi é relativamente fácil de atopar porque se atopa xusto ao norte da brillante vermella Antares, formando xunto con Alniyat (Sigma Scorpii), un triángulo estelar fácil de identificar. Podemos gozala de momento na fotografía do noso amigo, colaborador e extraordinario astrofotógrafo Domingo Pestana.