Espazo profundo: Galaxias da Bolboreta

As Galaxias da Bolboreta son dúas galaxias espirais na constelación de Virgo, pertencen ao Cúmulo de galaxias de Virgo existente entre as constelacións de Virgo e a Cabeleira de  Berenice. As galaxias atópanse a unha distancia de entre 59 e 70 millóns de anos luz. Teñen en conxunto unha magnitude aparente de 11. No Novo Catálogo Xeral coñecémolas como NGC 4567 a pequena e NGC 4568 a máis grande.

Estudos recentes sobre as distribucións de hidróxeno neutro e molecular das galaxias conclúen que están en proceso de colisión e fusión, o que está a impulsar a formación de cúmulos de estrelas masivas. En 1990 e en 2004 observáronse en NGC 4568 dúas supernovas SN 1990 B e SN 2004cc. As galaxias difiren lixeiramente en cor, unha amarelada e outra azulada. Esta diferenza de cor débese á súa distinta idade.

Foron descubertas polo astrónomo británico William Herschel en 1784. Pero non foi ata o século  XIX, que o astrónomo L.S. Copeland referiuse a elas como os Xemelgos Siameses, o outro nome vulgar polo que son coñecidas. Noutros catálogos son nomeadas como VV 129, PGC 42064/9 e CGU 7776. Na foto podemos ver tamén á esquerda a galaxia NGC4564 e á dereita NGC3578.

Localizalas é relativamente sinxelo, uniremos por unha liña imaxinaria a estrela Porrima de Virgo, con Aldafirah na Cabeleira de Berenice e aproximadamente no centro atópanse as Galaxias da Bolboreta. Pódense ver cun telescopio pequeno, pero só aparecen como unha nebulosidad en forma de V, de aí o seu nome de Galaxias da Bolboreta. De momento podemos vela nesta excelente foto do noso compañeiro e amigo de Fotografía Ferrolterra e da SGHN, Nicolás Sixto.

Galaxias da Bolboreta