Ollando a píllara das dunas en Ponzos

Hoxe as 11h o grupo de vinte persoas (máis algún bañista e paseante que se achegaron), tivemos o privilexio de observar cos telescopios dispostos pola SGHN ao pai e a nai cos tres poliños nacidos na praia de Ponzos de Píllara das dunas. A saída organizouse en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente de Ferrol, dentro da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente 2021. Ninguén vai esquecer a ese pai amparando aos pitiños nin as carreiras da nai pola duna tras dos fillos máis aventureiros. Esta é a primeira vez en moitos anos que esta limícola volve a Ponzos que, de non aparece niños na Frouxeira, sería o límite N de distribución da especie na Iberia atlántica. Unha actividade a repetir, xunto con todas as medidas de conservación posibles, para que a especie se manteña en Galicia. A SGHN colabora en Ferrolterra na aplicación de seguemento dentro do Plan Píllara. Fotos da Píllara cedidas por Juan Gómez.