Espazo profundo: M106

M106,  é unha galaxia espiral ubicada na constelación de Canes Venatici (Cans de caza), non moi lonxe do asterismo do Carro, dentro da constelación da Osa Maior.

Atópase a unha distancia de 23,7 millóns de anos luz e ten unha magnitude relativa de 9,1, o seu tamaño aparente é de 18,6 por 7,2 minutos de arco, e ten un diámetro de 135.000 anos luz. É moi parecida en tamaño e luminosidade á Gran Galaxia de Andrómeda, calcúlase que ten como mínimo 400.000 millóns de estrelas.

Foi descuberta por Pierre Mechain en 1781 e redescuberta independentemente por William Herschel en 1788. Con todo, a galaxia non se incluíu no Catálogo Messier ata 1947, cando Helen Sawyer Hogg agregouna xunto con M105 e M107. É coñecida tamén como: Messier 106, NGC 4258, PGC 39600, UGC 7353, entre outros.

M106 é unha gran galaxia espiral do tipo Seyfert 2, cun buraco negro moi activo no seu núcleo. Parece ter dous conxuntos de brazos espirais, un só é visible nas fontes de radio e raios X, aparecendo perturbados entre os brazos ópticos principais como brotes fantasmais. Isto é debido ao parecer polo encontro cunha das súas galaxias veciñas, posiblemente NGC 4217.

Ao redor de M106 atópanse unha gran cantidade de galaxias visibles nun telescopio pequeno, como NGC4220, NGC4248, NGC 4346, etc. No entanto podedes vela na foto obtida polos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da Sección de Astronomía da SGHN.

Galaxia espiral M106
Galaxia espiral M106