Espazo profundo: M35

Na constelación de Xémini, xusto na fronteira coas constelacións de Auriga, Tauro e Orión, atópase o cúmulo aberto M35, que é o único obxecto  Messier desta constelación.

M35 é un cúmulo aberto que consta dunhas 500 estrelas, das cales 100 son máis brillantes. Ten unha magnitude aparente de 5,3 e atópase a unha distancia aproximada de 2.800 anos luz. A súa idade estimada é duns 100 millóns de anos, e ten estrelas moi evolucionadas, incluídas varias xigantes laranxas e amarelas. Móvese en dirección a nós a uns 5 qm/s. O seu tamaño aparente é de 28 minutos de arco, é dicir unha Lúa Chea. O seu diámetro real é duns 24 anos luz.

Foi descuberto por Philippe Loys de Chéseaux en 1745 e incluído por Charles Messier no seu catálogo o 30 de agosto de 1764. Tamén é coñecido como Messier 35, NGC 2168, Collinder 82, C 0605+243, OCl 466.0 e MWSC 0754.

Na parte inferior da fotografía apreciamos unha pequena mancha que corresponde a outro cúmulo aberto, NGC 2158, que se atopa a uns 15 minutos de arco de M35, ten unha magnitude visual de 8,6, é considerablemente máis antigo, contén máis 1000 estrelas e atópase a 1000 anos luz.

A súa localización é moi sinxela, uniremos a estrela Alhena de Xémini con Elnath en Tauro, xusto a metade de camiño un pouco desviada cara ao norte atoparemos a M35, que poderemos ver con prismáticos, de momento convidámosvos a velo nesta foto dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN.

Cúmulo aberto M35