Espazo profundo: Nebulosa da Alma

A Nebulosa da Alma está situada na constelación de Casiopea, no brazo de Perseo da nosa galaxia. Forma coa veciña Nebulosa do Corazón, unha famosa parella coñecida como Corazón e Alma que se estende por unha área duns 300 anos luz de diámetro, orixe dunha vasta rexión de formación de estrelas. Están separadas só 2,5 graos de arco e conectadas fisicamente por unha ponte de gas.

Trátase dunha nebulosa de emisión, unha fonte de radio que abarca unha área aproximadamente do tamaño de catro lúas cheas chamada Westerhout 5 (W5). Esta fonte de radio ten grandes cavidades que son o resultado dos ventos e a radiación das estrelas masivas próximas que forman a nebulosa, empuxando o gas e facendo que se acenda para formar novas estrelas. Ten uns 100 anos luz de diámetro e unha idade estimada de 1 millón de anos, atópase a 7.000 anos luz e a súa magnitude absoluta é 6,5. Tamén é coñecida como: IC 1848, Sharpless 2-199 , Sh2-199, LBN 667, Nebulosa do Feto e Nebulosa do Oso de Peluche.

A Nebulosa da Alma e a do Corazón atópanse nas proximidades de varios obxectos notables do ceo profundo: as galaxias Maffei 1 e Maffei 2, a Nebulosa Cabeza de Peixe (IC 1795), o famoso Dobre Cúmulo de Perseo e varios pequenos cúmulos abertos de estrelas novas coñecidos como o Embrión. Observala é un pouco complicado, aínda que cun bo telescopio poderémolo conseguir. Localizarémola unindo a estrela Seguin de Casiopea coa estrela Miran en Perseo, a metade de camiño atoparemos as dúas nebulosas. De momento convidámosvos a vela nesta extraordinaria foto do noso amigo e colaborador Raúl Villaverde.