Espazo profundo: Nebulosa de Norteamérica

Na constelación do Cisne, tamén coñecida como a Cruz do Norte, atópase a nebulosa de emisión (NGC 7000, Caldwell 20) tamén coñecida como Nebulosa de Norteamérica, situada 3º ao leste da estrela Deneb (Alfa Cygni).

Trátase dunha nube de gas interestelar ionizado por estrelas novas e quentes incrustadas dentro da nebulosa. As partículas de pó interestelares en parte desta nube absorben a luz emitida polos átomos de recombinación das devanditas estrelas. A súa forma aseméllase claramente ao continente de Norteamérica. A orientación da nebulosa ao norte celestial coincide co norte “real” do continente norteamericano. Á dereita da Nebulosa de Norteamérica, hai outra nebulosa coñecida como o Pelícano, menos luminosa e designada IC 5067-70.

As dúas nebulosas miden aproximadamente 50 anos luz de largura, atopanse a uns 1.500 anos luz de distancia e están separadas por unha nube de absorción escura denominada LDN 935, que corresponde co Golfo de México, que tamén forma parte do complexo nebuloso completo. Os pequenos cúmulos abertos de estrelas NGC 6997 e Cr 428 aparecen incrustados dentro da nebulosa, pero en realidade non están relacionados con ela. A magnitude do conxunto é de 4, ocupa un área aproximada de entre 4 e 5 Lúas cheas.

NGC 7000 foi descuberta por William Herschel o 24 de outubro de 1786 e fotografado por Max Wolf o 12 de decembro de 1890.

Na fotografía dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN, podemos ver este obxecto de ceo profundo, situado dentro dunha rexión rica e expléndida da Vía Láctea. Esta nebulosa tamén se pode observar a primeira ollada ou cuns simples prismáticos, baixo ceos transparentes e escuros.

Efemérides astronómicas de outubro
  • Día 3: O Papa Gregorio XIII decreta que do día 4 de outubro se pasase ó día 15, comenzando o calendario Gregoriano e rematando o uso do calendario Xuliano.
  • Día 4: Aniversario do lanzamento do primeiro satélite artificial, o Sputnik, en 1957.
  • Día 5: Venus e Marte moi próximos (0,2º). Dificil de ver pola súa proximidade ao Sol. Ás 18:41 h Lúa Chéa.
  • Día 10: Máximo de 5 por hora da choiva de estrelas Táuridas do Sur, actividade desde o 7 de setembro ao 19 de novembro. Radiante en Taurus.
  • Día 12: Ás 12:27 h a Lúa en cuarto minguante.
  • Día 13: A Lúa e o Asteroide Ceres moi próximos, visible con prismáticos.
  • Día 18: Venus e a Lúa moi próximos.
  • Día 19: Ás 19:13 hLúa Nova.
  • Día 20: Mercurio e a Lúa moi próximos.
  • Día 21: Máximo de 25 por hora da choiva de estrelas Oriónidas, actividade desde o 16 ao 30, teñen a súa orixe no cometa Halley. Radiante en Orión.
  • Día 22: Máximo de 2 por hora da choiva de estrelas Leo Minóridas, actividade desde o 17 ao 27. Radiante en Leo Minor.
  • Día 24: Saturno e a Lúa moi próximos.
  • Día 27: Ás 22:23 h a Lúa en Cuarto crecente.
  • Día 29: Ás 3 da madrugada atrásase unha hora, comeza o horario de inverno.
  • Día 31: O Vaticano decreta en 1992 a absolución de Galileo Galilei, condenado por harexía en 1616 e en 1633.
Planetas
  • Mercurio en Virgo, con magnitude -0,8, pola súa proximidade ao Sol non visible.
  • Venus en Virgo, con magnitude -3,35, visible hora e media antes do amencer.
  • Marte en Virgo, con magnitude 2,02, visible dúas horas antes do amencer.
  • Xúpiter en Virgo, con magnitude de -1,21, media hora despois do solpor.
  • Saturno en Ofiuco, con magnitude 0,74, visible durante dúas horas despois do solpor.
  • Urano en Piscis, con magnitude de 6,03, visible con prismáticos toda a noite.
Cometas

Tan só C/2017 O1 (ASASSN), entre as constelacións de Perseo e Camelopardalis con magnitude 7, pode verse cun telescopio pequeno. Os demáis teñen magnitudes que os fan difícilmente observables