SGHN pide unha nova campaña de control de Ludwigia grandiflora no río Barbaña (Ourense)

Hai agora un ano, a instancias de SGHN, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio desenvolveron unha fructífera campaña de control da planta acuática invasora Ludwigia grandiflora no río Barbaña ao seu paso pola cidade de Ourense.
Non obstante, como é habitual en plantas exóticas tan invasoras como Ludwigia grandiflora, a erradicación total foi imposible con esa primeira campaña e novamente volven a verse matas de Ludwigia grandiflora ao longo do treito urbán do río Barbaña.

Como as circunstancias actuais son moi favorables para continuar coa erradicación da especie, pois non forma masas continuas, o nivel de auga é moi baixo e o acceso é moi doado, facilitando o traballo de retirada da canle e de transporte da biomasa de Ludwigia grandiflora para unha xestión segura da mesma, SGHN ven de solicitar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que organicen e leven a cabo coa máxima urxencia (días ou, como moito, semanas) unha nova campaña para a erradicación de Ludwigia grandiflora no treito urbán do río Barbaña en Ourense cidade para evitar o perigo de que a especie aumente a súa cobertura no río Barbaña e de que chegue ao río Miño, o cal faría moi difícil e custosa (senón imposible) a súa erradicación.