Garranos en perigo de desaparición

Os garranos son animais silvestres…

Os garranos son équidos salvaxes que habitan nas montañas do norte da Península Ibérica desde hai máis de 20.000 anos. Testemuñas elocuentes da súa presenza ancestral son:

  • As súas reiteradas representacións gráficas na arte parietal (entre o Paleolítico Inferior e a Idade do Ferro) desde o norte de Portugal ata o suroeste de Francia.
  • Un rexistro fósil ininterrumpido anterior á domesticación do cabalo.

Segundo estudos xenéticos recentes os garranos son un dos dous ancestros dos cabalos actuais, ou cabalos propiamente ditos. Entre garranos e cabalos propiamente ditos hai diferencias xenéticas, ecolóxicas, etolóxicas, morfolóxicas e fisiolóxicas:

  • Os garranos están adaptados aos hábitats montañosos con vexetación espesa e parte da súa dieta é vexetación leñosa.
  • Os cabalos adaptáronse ás chairas herbosas e non son capaces de alimentarse da vexetación leñosa.
  • Os garranos son territoriais.

Os garranos salvaxes – os herbívoros silvestres de maior talla de Iberia – son fundamentais no mantemento do ecosistema natural de montaña, que aínda persiste en moitos montes do norte peninsular desde o Pleistoceno.

Garranos (Equus ferus atlanticus) na Serra da Capelada
Garranos (Equus ferus atlanticus) na Serra da Capelada

…aproveitados polos humáns…

Como animais silvestres, os garranos salvaxes viven en absoluta liberdade manténdose polos seus propios medios. Malia súa condición silvestre, os garranos ou “bestas” son aproveitados desde tempos inmemorais polos “besteiros”. Tradicionalmente, unha vez ao ano, as manadas de garranos son conducidas a un cerramento ou “curro”. Unha vez no curro retíranse os destinados á venda, principalmente poldros, e márcanse os que se ceiban de novo. Actualmente, o aproveitamento maioritario é carne para consumo humán, pero antigamente vendíanse moitos poldros para doma e as crins.

…e ameazados pola Xunta de Galicia

O Regulamento CE nº 504/2008 da Comisión Europea polo que se aplican a Directiva 90/426/CEE e a Directiva 90/427/CEE estableceu uns métodos de identificación dos équidos, contemplando excepcións relativas para os que viven en condicións salvaxes ou semisalvajes.

Ignorando ditas excepcións, o Decreto 142/2012 da Consellería do Medio Rural e do Mar obviou a existencia dunha ampla poboación de garranos salvaxes en numerosos montes de Galicia e considerounos cabalos domésticos ou mostrencos, impoñéndolles as mesmas obrigacións que aos outros équidos, incluido a identificación con microchip. Sen o chip os concellos poden decidir a súa venda en puxa pública, a súa entrega gratuita a espazos de acolleita con capacidade de recepción, ou a súa envío ao sacrificio en mataderos autorizados con destino final a súa destrución. Lamentablemente, este último foi, e segue sendo, o final de moitos dos garranos salvaxes de Galicia durante os últimos anos.

Un longo proceso xudicial para salvar aos garranos

O 31/12/2012 promovida pola Asociación Cabalar Monte Acibal de Amil e pola Asociación Lobo presentouse diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) unha demanda solicitando a nulidade do Decreto 142/2012 por non aterse ao disposto no artigo 465 do Código Civil, referente á posesión de animais feros (salvaxes). O 16/04/2015 o TSXG dictou sentencia desestimatoria, pero sen responder ao fundamental do suscitado.

Os demandantes interpuxeron un recurso de casación diante do Tribunal Supremo. Na sentenza do 11/07/2017, recoñecese que o TSXG non analizou a vulneración do artigo 465 do Código Civil, pero danse por boas as esixencias administrativas do Decreto 142/2012.

Interposto recurso de amparo diante do Tribunal Constitucional, este, sen entrar a analizar as razóns, rexeitou a súa admisión o 06/03/2018 alegando que o recurso carecía de especial transcendencia constitucional.

Nun último intento por salvar legalmente aos garranos, o pasado 06/09/2018 os demandantes elevaron o caso Tribunal Europeo de Dereithos Humáns de Estrasburgo.

Este longo proceso legal supón un gran esforzo da Asociación Cabalar Monte Acibal de Amil e a Asociación Lobo. Tamén un elevado custo económico, afrontado coa colaboración da Sociedade Galega de Historia Natural; SOS Groba; Instituto de Estudos Miñoranos; Verdegaia; Asociación de Gandeiros de Cabalos do Monte dá Groba.

  • Divulga ti tamén!