Co fin de promover o coñecemento da natureza galega entre os escolares, e baixo os principios fundadores da Sociedade Galega de Historia Natural: “Estudar, divulgar e defender o patrimonio natural galego” a delegación de Pontevedra da SGHN convoca o I Concurso Escolar de Debuxo “Calendario da natureza”.
Este concurso está destinado a todos os alumnos que cursen 5º ou 6º de Ensino Primario durante o curso 2014-2015 na provincia de Pontevedra e establécense catro primeiros premios correspondentes ás catro categorías de participación: Categoría “Primavera”, “Verán”, “Outono” e “Inverno”. As bases completas están dispoñibles no seguinte documento (PDF).
O alumnado gañador de cada categoría recibirá un diploma acreditativo e un lote de iniciación á observación de campo: mochila, gorra, caderno de campo, lupa e pin SGHN de solapa. A mestra ou mestre coordinador da actividade do alumnado premiado recibirá un pin de solapa da SGHN. Os centros escolares do alumnado premiado recibirán un lote de publicacións da SGHN para a biblioteca escolar e un diploma acreditativo.
Os traballos premiados pasarán a formar parte dun calendario dixital que será posto á libre disposición do público na páxina web da SGHN e na páxina de facebook de SGHN Pontevedra.
Gañadores do I Concurso Escolar de Debuxo
- Categoría Inverno: Brais Pereira Álvarez, 6º de primaria do CEIP Rebordáns-Tui.
- Categoría primavera: Pablo Baz Martínez, 5º de primaria CPR PP. Somascos (A Guarda).
- Categoría verán: Diana Barbosa Rodríguez, 6º de primaria do CEIP Rebordáns-Tui.
- Categoría Outono: Manuel Portela, 6º de primaria do CEIP Vilaverde-Mourente.
A nosa felicitación ós premiados e o noso agradecemento ós alumnos participantes, así como ós profesores coordinadores e a tódolos Centros Escolares da provincia de Pontevedra que con esforzo e ilusión formaron parte deste proxecto.
En breve estará disponible nesta web o calendario para libre descarga e farase entrega dos premios ós gañadores.