INCENDIOS FORESTAIS: Carta aberta de SGHN ao Presidente da Xunta de Galicia, aos partidos políticos e a toda persoa que queira escoitar

Sr. Presidente,

Despois de ler detidamente a súa declaración institucional logo da vaga de incendios de outubro, sentímonos de novo profundamente decepcionados.

Ao longo do seu discurso todo é etéreo, ambiguo, cando agora é momento de falar con claridade e actuar con determinación.

Fala vostede de terrorismo pero ben sabe que NON SON TERRORISTAS os que queiman o monte en Galicia, nin incendiarios vidos de fóra. Vostede sabe perfectamente dende hai anos que son xente de aquí, galegas e galegos como vostede, como todos nós, que por moi variados motivos prenden lume no monte, no que no fondo podería semellar un desapego da terra, un desamor por Galicia que ninguén ata agora tentou corrixir.

En canto a vostedes, Partidos Políticos e gobernantes que nos representan, non podemos dubidar da sinceridade da súa dor e o seu pesar, mais cando despois de cada vaga de lumes se enfrontan no Parlamento, nas Deputacións ou nos Concellos, cando fan declaracións públicas, semella que os incendios, lonxe de ser unha prioridade, impórtanlles ben pouco.

TODOS, en maior ou menor medida, son tamén responsables deste desastre, sexa por toleralo, por non denunciar, ou por non poñer os medios para o evitar.

Apliquen vostedes as leis, empreguen con intelixencia e visión de futuro os recursos públicos que xestionan, fagan o seu traballo e adiquen os seus esforzos á procura do ben para todos.

Póñanse todos a unha, sen cores nin bandeiras, a loitar contra os incendios forestais e, DE VERDADE, “fortalezan os lazos de unión de toda a xente que vive, que vivimos, en Galicia” como din na declaración institucional. Aí tamén estaremos nós.

Agora é o momento, aprovéiteno, aproveitémolo.

Xunta Directiva Xeral de SGHN