Protección da fauna terrestre e acuática despois da vaga de lumes

As condicións meteorolóxicas ao longo do último ano hidrolóxico levaron a activar os protocolos de alerta por seca na Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil e en seis zonas da Demarcación Hidrolóxica de Galicia Costa, con previsións pouco alentadoras de que a situación hidrolóxica mellore en outono. Tendo en conta as importantes consecuencias que sobre as poboacións silvestres de fauna (e flora) teñen os incendios forestais, que xa daquela estaban a asolar a Galicia interior , o pasado 10 de outubro SGHN solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Natural información sobre:

  • As propostas e previsións que manexa para a tempada de caza e pesca fluvial a nivel xeral.
  • Os TECOR afectados por incendios forestais e medidas que se van a adoptar neles para a presente e as vindeiras tempadas de caza.

Malia que a DX de Patrimonio Natural aínda non respostou á dita solicitude de información, tendo en consideración a seca deste ano 2017, a afección dos incendios forestais ao territorio tanto neste ano como nos dous anteriores e a necesidade de asegurar zonas de refuxio e alimentación para a fauna, terrestre e acuática, SGHN ven de solicitar:

  • Que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural informe a SGHN sobre:
    • Os terreos de cada TECOR nos que se restrinxiu ou prohibiu a práctica da caza nesta tempada, especificando si están queimados, neste ano ou nos dous anteriores, ou son de protección da fauna.
    • Os acoutados de pesca nos que se restrinxiu ou prohibiu a práctica da pesca nesta tempada.
  • Que, no caso de non terse realizada aínda ningunha actuación, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural interveña urxente e explícitamente:
    • Prohibindo a caza polo menos nun radio de 1000 m arredor das zonas queimadas neste e nos dous anos anteriores.
    • Prohibindo a caza onde a seca teña agravado a situación da fauna e nun radio de 1000 m arredor da zona.
    • Prohibindo a pesca nos acoutados cunha baixada significativa do nivel da auga e nos tramos adxacentes polo menos nunha lonxitude de 1000 m.
    • Desenvolvendo aqueloutras actuacións que poidan mitigar os danos sobre a fauna afectada.