Incendios forestais, e agora que?

Un problema crónico

Neste mes de xullo repetiuse, unha vez máis, a “tormenta perfecta” que pon de novo a crúa realidade diante dos ollos de quen queira ver.

Galicia ten un servizo de extinción moi considerable desde hai bastantes anos, efectivo en condicións chamémoslle normais, pero que nunca vai ser suficiente para atallar un número elevado de lumes simultáneos ou incendios que se desbocan con condicións climáticas digamos extremas.  

Lévase décadas, por exemplo SGHN desde 1980, dicindo que os lumes forestais son o maior problema ambiental de Galicia e salientando a necesidade dun cambio de modelo de xestión ante un problema que se repite ano tras ano con episodios de extrema gravidade como os máis recentes deste século: 2006, 2017 e agora 2022.  

Agravado polas circunstancias

O  diferente nesta ocasión con respecto a outras vagas de incendios é que o desencadéante foi unha inhabitual treboada, excepcional en extensión e número de raios, cunhas precipitacións insuficientes para apagar os lumes que orixinou.  

Si a isto sumamos a intensa seca que estamos a padecer, que nos nosos montes  – queimados e requeimados por incendios reiterados –  o máis frecuente é  un solo esquelético con moi pouca humidade e unha vexetación escasa e reseca, non era difícil prever o que podería pasar si se producira un incendio.  

E para os incapaces de ler os sinais da natureza bastaría ler, ou ver, as noticias sobre os dramáticos exemplos ben próximos no tempo, nas comunidades adxacentes.  

As treboadas, as altas temperaturas, o vento cambiante, o monte mal chamado “sucio”, o rural abandonado e esquecido, mesmo o cambio climático (por non falar das plantacións masivas en moitos casos sen ningún tipo de silvicultura de mantemento) son circunstancias que agravan unha situación de por si xa ben grave, ante a que os nosos medios vense impotentes.  

É preciso reflexionar

Sen entrar a valorar agora a eficacia da organización, loxística e xestión dos lumes, o que está a acontecer este ano é un verdadeiro desastre ambiental e socio económico para todos, e principalmente para as poboacións afectadas, hipotecando o seu desenvolvemento futuro e o mantemento das súas xentes.  

Dende SGHN, non imos pedir dimisións, para que?, pero entendemos que os máximos responsables da nosa administración teñen a obriga de:

  • Dar, esta vez si, as explicacións pertinentes á cidadanía
  • Asumir as responsabilidades que correspondan
  • Facer unha análise realista do acontecido e, máis alá de escudarse no cambio climático, afrontar un cambio no actual modelo de extinción a todas luces non axeitado.

É imprescindible unha reflexión sobre os lumes producidos e os que se producirán, pois estamos a media estación de seca. Esta reflexión debería incluír as medidas preventivas a longo prazo. Guste ou non, incendios vai haber, por diversas causas. Logo debemos ser máis proactivos, buscando solucións estruturais para reducir o lume en extensión e dano, para non ter que ser reactivos cando o lume chega á porta das casas.