Louseiras: 60 anos no salvaxe noroeste

Turismo industrial e películas

«Salvando as diferencias, non podemos esquecer que a uns kilómetros están as Médulas» afirmou a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras fabulando que, como a antiga mina romana de ouro hoxe Patrimonio da Humanidade, a inmensa desfeita ambiental das louseiras no seu concello podería ser un reclamo para o “turismo industrial”. Na mesma liña, o Presidente do “Clúster da Lousa” salientou que queren ensinarlle á xente “o que foron e o que son as explotacións de lousa”. Pola súa banda o Presidente da Deputación de Ourense seica non puido ocultar a súa fascinación ao coñecer ao lugar: «É algo único e como único merece ser apoiado» e viu na zona non só un polo de atracción turística, senón mesmo un espazo cinematográfico (máis en La Voz de Galicia e La Región).

Imaxe aérea das louseiras en Carballeda de Valdeorras. Imaxe tomada do SIGPAC do MAPAMA.

«La pizarra no es destrucción; es progreso y belleza»

A frase, realmente inesquecible, é da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras quen, diante do Conselleiro de Industria e Vicepresidente 1º da Xunta de Galicia, recurriu de novo ás Médulas como “exemplo de beleza que a minería debidamente ordenada trae ás contornas nas que se desenvolve” (La Voz de Galicia). Nada dixo de que fixeron falla dous mil anos para que a vexetación recolonizase e naturalizase as Médulas, e nun substrato xeolóxico moito máis favorable que as louseiras.

Na realidade paralela de feitos alternativos na que algúns gobernantes semellan vivir (ou na que nos queren facer vivir), as louseiras son fermosas e os cráteres mineiros cheos de auga son “lagos”. En calquera momento son capaces de dicir que as entulleiras e cráteres das louseiras son ambiental, paisaxística e xeolóxicamente tan importantes como as morrenas e lagoas glaciais do macizo de Trevinca.

2.000 anos non son nada

Aos protagonistas destas novas de prensa seica é necesario lembrarlles alguns “pequenos cambios” ambientais, demográficos e legais acontecidos nos últimos dous milenios:

  • Na Hispania romana (España+Portugal) ao morir Augusto habitaban uns 4,15 millóns de persoas, cunha densidade duns 7 hab/km2 (máis…), cifras que na actualidade son case 14 veces máis altas (57,5 millóns e 97 hab/km2). Ademais, compre ter en conta que a pegada ecolóxica por habitante é moitísimo maior na actual sociedade de consumo.
  • A superficie das Médulas é dez veces menor que a ocupada polas louseiras tan só en Carballeda de Valdeorras (2451 ha).
  • Nas Médulas empregáronse escravos e abandonáronse sen máis cando deixaron de ser rendibles. Algúns botarán de menos ditas “vantaxes” empresariais, pero a escravitude en España aboliuse hai séculos e a restauración ambiental das louseiras é obrigatoria pola normativa europea, estatal e autonómica.

Ao Presidente da Deputación de Ourense, que concedeu fachendoso 30.000 € a un convenio co Clúster da Lousa de Galicia para promover o turismo, compre lembrarlle ademais que os veciños de San Vicente de Leiría tamén son ourensáns e levan máis de 23 anos sen acceso asfaltado, agardando que a Deputación (hoxe presidida por él, antes polo seu pai) esixa á louseira San Vicente que repoña a estrada OU-807, competencia da Deputación, que deixou inservible dita louseira (máis…).

O Conselleiro de Industria, máximo responsable da minería en Galicia, tamén terá algo que dicir e que facer para que a louseira San Vicente repoña dita estrada [tamén para que a louseira da Campa repoña a LU-651 que destruiu no Courel, La Voz de Galicia; El Progreso).

Única estrada asfaltada a S. Vicente de Leiría cortada dende hai 23 anos por mor dunha louseira

Louseiras: 60 anos no salvaxe noroeste

A explotación de lousa en Valdeorras iniciouse no s. XVIII pero mantívose a moi pequena escala ata finais da década de 1960 cando foi impulsada pola demanda dende Francia. “… os franceses, co fin de manter o seu nivel de distribución nos mercados internacionais, dirixiron os ollos cara outras rexións que contaban con recursos louseiros abondosos … España, e en particular Galicia e Castilla-León, con bos xacementos explotables a ceo aberto, numerosa mán de obra barata e escasa sensibilidade á contaminación medioambiental, convertéronse nunha boa alternativa … comerciándoa case a metade de coste…” (Lindoso Tato, 2015). Mesmo en 2011 as exportacións españolas de lousa fixéronse a un prezo un 21% inferior á media internacional (Lindoso Tato, 2015). Folga dicir que unha boa parte desa diferenza débese ao incumprimento das obrigas ambientais.

O custe paisaxístico e ambiental de seis décadas sen lei para Valdeorras, O Courel e Galicia é simplemente inmenso. Baste mencionar un dos prezos pagados por Carballeda de Valdeorras: leva sacrificado o 11% do seu territorio nos altares da minería e o “progreso”.

Vista parcial do val do río Casoio devorado polas louseiras

Dúas décadas de loitas legais das louseiras contra os espazos protexidos

  • 07-06-2001. A Consellería de Medio Ambiente declara espacios naturais en réxime de protección xeral provisional ás zonas incluídas na proposta de Rede Natura 2000. O “lobby” mineiro tenta impedilo con dez Recursos Contencioso-Administrativos (Asociación Galega de Áridos, Asociación Gallega de Pizarristas, Cupiga, S.A., Canteira do Penedo, S.A., CEDIE, S.A., CUPIRE-PADESA, Ferlosa, S.L., Pebosa, S.A., Pizarras de Villarbacú, S.L., Pizarras Quiroga, S.A).
  • 19-04-2002. A Consellería de Medio Ambiente da inicio ao Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORNa) de Pena Trevinca. Pizarras San Gil, S.L. recurre nun Contencioso-Administrativo ao consideralo “Un claro ejemplo de visión estrecha y fanática por la conservación a toda costa para el desarrollo turístico de sus provincias” (sic). O Recurso desestimouno o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (sentenza de 20-04-2005), pero o PORNa de Pena Trevinca leva 20 nalgún caixón da Xunta.
  • En 2012, cando xa levaban destruídos 6 km de ríos, os louseiros pretenderon tamén desviar cauces fluviais, protexidos pola lei de augas, para “acoller entullos”. O pior é que o entón Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que debera defender os nosos ríos, foi “receptivo á idea”.
En 2012 as louseiras xa destruíran 6 km dos ríos Valborraz, San Xil e Casoio

Dúas décadas de “rescates ambientais” das louseiras con cartos públicos

Mentres os louseiros alardeaban de que hai 20 anos o sector en Ourense facturaba uns sete millóns de euros, o 10-07-2001 a Xunta de Galicia, o Ministerio de Medio Ambiente, a Confederación Hidrográfica de Norte e a Asociación Galega de Pizarristas asinaron un Protocolo General de Colaboración cunhas condicións extraordinariamente vantaxosas para os empresas: a Confederación (con fondos FEDER da UE) pagaría un 70% dos gastos da restauración hidrolóxico-forestal das xigantescas entulleiras das louseiras, a Xunta un 10% e as empresas tan só un 20%. Esa distribución de gastos mantívose tamén no Convenio para a asistencia técnica á dirección dos proxectos e obras das actuacións de restauración hidrolóxico-forestal, pero para a execución das obras a cofinanciación FEDER subiu ata o 75% (páx. 154-157 do Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-06).

Na súa recente visita a Carballeda de Valdeorras (La Voz de Galicia), o Conselleiro de Industria e Vicepresidente 1º da Xunta de Galicia salientou o interese pola restauración do entorno que amosa o Clúster da Pizarra, … e acto seguido anunciou o investimento de 1,5 millóns de euros públicos para restaurar dúas louseiras abandonadas nese concello. Malia as súas competencias máximas en minería como Conselleiro de Industria, nada dixo de esixir o cumprimento dun dos principios básicos da Unión Europea: quen contamina, paga. En Valdeorras e no Courel as louseiras destrúen e pagamos os cidadáns. Ata cando?

“Rescates ambientais” para maior beneficio de fondos de investimento?

Na actualidade, case a metade das louseiras en Carballeda de Valdeorras pertencen a capital extranxeiro. Unha vintena de canteiras do antigo grupo CUPA mercounas en 2016 o fondo de investimento Carlyle dos USA (filial Carlyle Europe Partners IV), que as revendeu en febreiro de 2022 ao fondo de investimento Brookfield do Canadá. Outras dúas louseiras pertencen ao grupo alemán Rathscheck Schieffer.

Exemplo de “maquillaxe” ambiental de entulleiras