A Biblioteca da Natureza medra

Novas adquisicións para a Biblioteca da Natureza, adquiridas ao abeiro do convenio anual da SGHN coa Concellería de Educación do Concello de Ferrol “A biblioteca sae ao medio: Interacción libro-natureza”. Dende hai case 40 anos, a delegación de Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural conta cunha biblioteca especializada en natureza e medio ambiente con arredor de 33.230 rexistros de acceso público, ofrecendo a opción de préstamo a domicilio da meirande parte deles -a persoas socias da SGHN- e tamén da consulta en sala para todo tipo de público daquelas sinaturas que, atendendo á súa singularidade ou rareza, así o precisen.

Esta biblioteca está recoñecida como “Biblioteca Especializada” polo Ministerio de Cultura e na actualidade está incluída na Rede de Bibliotecas Especializadas dentro da Comisión Técnica do Consello de Cooperación Bibliotecaria (CCB) e no Directorio de Bibliotecas Españolas. Dun tempo para aquí, dispón tamén do catálogo en liña na Opac-Meiga da Xunta de Galicia: http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/Biblioteca.aspx?CodigoBiblioteca=COB056

A través do convenio “A biblioteca sae ao medio: Interacción libro-natureza” a SGHN recibe 1.000 € da Concellería de Educación do Concello de Ferrol para a adquisición de bibliografía e o pago do seguro de responsabilidade civil dos participantes das tres actividades que esta delegación ofrece a cambio: Roteiro polos xardíns da cidade de Ferrol, Doniños nocturno e Doniños diúrno. Estade atent@s que serán en setembro!