Insignia de ouro do Concello de Ferrol á SGHN

Alcalde de Ferrol, Alcaldesa de Lugo, Conselleiro de Política Social, Concelleiras e Concelleiros de Ferrol e Lugo, Autoridades, Premiados, Amigas e amigos, Señoras e Señores.

En nome de todos os que formamos parte da SGHN, queremos agradecer cordialmente, a entrega da insignia de ouro da cidade, que toda a corporación municipal tivestes a deferencia de outorgarnos.

A S.G.H.N. é unha asociación independente e científica, dedicada ó estudio, divulgación, conservación e defensa do medio natural, que non ten na súa actuación fins lucrativos. Os seus obxectivos son: “A organización de actividades de estudio e divulgación, así como fomentar e difundir o interese e a preocupación polos temas relacionados co coñecemento, conservación e defensa da natureza”, como di o artigo 5 dos nosos estatutos.

A Sociedade Galega de Historia Natural naceu en principio co nome de Grupo Ornitolóxico Galego en 1973, é dicir hai 43 anos, o que a converte en a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España.

Esta distinción que se nos concede pertence a todos os socios, voluntarios e colaboradores, que fixeron posible o traballo e os logros da SGHN durante toda a súa traxectoria, co seu apoio, achega de ideas, proxectos e mediante o seu traballo desinteresado, case sempre en precario. Entre todos eles queremos mencionar aos que xa non están connosco, como Xabier Soñora, que foi Delegado en Ferrol, e en especial ao noso Socio de Honra Manuel Cortizas “Manolo de Vite” como a el gustáballe que o lembrasen e que nos deixou o pasado ano. O traballo deles foi e é un aliciente para todos os demais, e que nos anima a tentar mellorar e continuar cos nosos obxectivos.

Na actualidade estamos implicados en diferentes proxectos, de investigación, divulgación e educación. Como o estudo de fósiles de zifios que nos permitiu descubrir catro novas especies descoñecidas para a ciencia, traballo que continúa na actualidade en colaboración con universidades e museos de Europa, e que permite poñer o nome de Ferrol no ámbito científico Internacional.

A publicación das nosas revistas, Braña (a primeira revista científica escrita en galego) e Paspallas, onde quedan plasmados os censos de aves e próximamente un atlas de plantas alóctonas, así como todas as nosas actuacións.

Co concello da nosa cidade efectúanse actividades educativas destinadas á divulgación en colexios, Institutos, entidades culturais e sociais, dos nosos valores naturais e ambientais, asi temos: “Ferrol naturalmente”, “A biblioteca sae ao medio”, “Xogando co Sol”, “Coñecendo o Universo”, charlas, conferencias e sobre todo as visitas ao noso Museo de Historia Natural, que xa pronto con outro aspecto e con novas pezas, axudará a potenciar a oferta cultural e turística da nosa cidade.

Xa para rematar, quiseramos dicir que todas estas actividades están dirixidas a potenciar a defensa da nosa contorna, con especial dedicación á educación ambiental e á protección do medio natural, pero non como algo exclusivamente local, senon como unha pequena achega a algo moito maior, o conxunto do noso planeta, a nosa casa, que temos que preservar para o futuro das próximas xeracións.

E nunca isto quedou mellor reflectido que nas palabras do gran astrónomo, astrofísico e escritor Carl Sagan, que en 1991, cando a nave espacial Voyager 1, atopábase nas proximidades do planeta Saturno a 6.000.000.000 de quilómetros da Terra, pediu á NASA que apuntase a cámara da nave cara a nós, conseguindo unha das 10 mellores fotos da historia da astronomía, na que podiamos ver un puntiño azul pálido, suspendido nun raio de Sol, a Terra. Á vista desta imaxe, onde apreciou a fraxilidade e o pequeno que é o noso planeta, elaborou un pensamento que publicou en 1994 no seu libro Pale Blue Dot. No seu parágrafo final di así: “Quizais non hai mellor demostración da tolemia da soberbia humana que esta imaxe distante do noso diminuto mundo, para min recalca a nosa responsabilidade de compartir máis amablemente os uns cos outros, para preservar e coidar este punto azul pálido, a nosa casa, o único fogar que coñecemos.”

Moitas grazas.