A nebulosa Trompa do Elefante é unha nube molecular densa e escura dentro da nebulosa de emisión IC 1396; parte dela tamén é coñecida como vdB 142. Atópase a 2400 anos luz do Sol e ten unha magnitude de 3,5. Esta fermosa área de gas e pó de hidróxeno é unha gardería estelar que alberga gran cantidade de estrelas novas. A súa parte superior está a ser arrastrada pola radiación emitida polas estrelas recentemente nadas.
A Trompa do Elefante xurdiu hai uns 15 millóns de anos cando naceu a primeira xeración de estrelas. Algunhas destas estrelas xurdiron cunha masa suficiente para rematar en explosións de supernova logo duns poucos millóns de anos. O vento estelar acumulado das estrelas da primeira xeración e a onda de choque das explosións de supernovas crearon unha enorme burbulla. Ao expandirse as nubes moleculares no seu bordo volvéronse máis densas, orixinando hai uns 7 millóns de anos á segunda xeración de estrelas. Parte das estrelas actuais son xa a terceira xeración de estrelas na nebulosa Trompa do Elefante.

Aínda que visible en noites moi escuras con prismáticos ou cun telescopio pequeno, na fotografía dos compañeiros da SGHN e Fotografía Ferrolterra podemos vela en toda a súa beleza. A estrela laranxa na esquina superior esquerda da nebulosa Trompa do Elefante é Mu Cephei, “A estrela Granate de Herschel”, unha das estrelas máis vermellas do ceo do norte. Mu Cephei é unha das estrelas máis grandes coñecidas, cun diámetro de 25 unidades astronómicas; si se puxésese en lugar do Sol, estenderíase máis aló da órbita de Saturno. É unha estrela variable, cun rango de magnitude entre 3,4 e 5,1. En termos astronómicos quédalle pouco tempo de vida. Calquera que sexa o estado actual, Mu Cephei case seguramente explotará nun futuro próximo converténdose nunha supernova.