“Pensa máis aló”

A Convención de Berna lanza “Think Outside the Box” . SGHN é “Embaixadora da campaña”

A Convención de Berna lanza a campaña “Pensa máis aló” porque na última década houbo un declive dramático das poboacións de anfibios e réptiles en Europa (véxase por exemplo Atlas de hérpetos de Galicia).  Esta campaña non podería ser máis necesaria, urxente e coincidente cos obxectivos de SGHN, polo que con pracer aceptou a invitación da Convención de Berna para actuar como “Embaixadora da campaña”, traducindo ao galego os materiais da campaña e distribuindoos nas redes sociais.

Os nosos anfibios e réptiles están a desaparecer

Moitos estudios revelan que enfermidades víricas ou fúnxicas son responsables de enormes mortalidades de diversos hérpetos en moi pouco tempo.

As infeccións por Ranavirus e Chytridos son responsables de mortalidades masivas, declives locais e incluso eliminacións de poboacións de anfibios. Outra enfermidade fúnxica emerxente está a ameazar algunhas especies de réptiles a nivel europeo e mundial.

Preme aquí para descargar versións imprimibles do Cartaz 1, Cartaz 2 e Cartaz 3.

Causas e consecuencias

“Pensa máis aló” se tes mascotas

Moitos deses patóxenos son orixinarios de Asia, África e América e foron introducidos en Europa coa importación de especies exóticas, sobre todo polo comercio de mascotas.

Esta é a problemática que reflicte o primeiro dos cartaces da campaña “Pensa máis aló”. Este cartaz amosa a conexión entre as mascotas exóticas (representadas neste caso polo tritón chinés de ventre de lume Cynops orientalis) e o fungo Batrachochytrium salamandrivorus que causa Chytridiomicose en anfibios. Sábese que este tritón é portador dofungo. Un dos casos máis remarcables é o declive dun 96% nas poboacións da píntiga común Salamandra salamandra (tamén representada no cartaz) en Holanda. O cartaz salienta a contradición dos propietarios de mascotas que coidan moito aos seus animais pero esquecen a nosa vida silvestre.

Na mesma liña, o segundo cartaz salienta que ao longo de 10 anos importáronse á UE máis de 20 millóns de réptiles, contribuindo á dispersión de parásitos e enfermidades contaxiosas que ameazan a vida silvestre autóctona. O comercio de mascotas é unha das principais vías polas que se dispersan eses perigosos fungos.

Este cartaz amosa os perigos que comporta o comercio ilegal de mascotas: non é só un ameaza para as especies exóticas, senón que tamén causa un impacto negativo na nosa vida silvestre. A liberación intencionada e os escapes accidentais son un dos factores potenciais para a dispersión dos patóxenos. Animais que portan a enfermidade poden contaminar a auga e o resto do medio natural, afectando así á vida silvestre local. Neste caso represéntase ás especies exóticas coa falsa coral Lampropeltis triangulum e a especie europea cobra de herba barrada Natrix helvetica. Os réptiles exóticos poden ser portadores de Salmonella e da enfermidade fúnxica das cobras, entre outras enfermidades.

Pensa máis aló da caixa: evita a dispersión de enfermidades se eres turista ou propietario de mascotas
Preme aquí para descargar unha versión imprimible
“Pensa máis aló” se fas investigación

O emprego de medidas insuficientes de bioseguridade pode poñer en perigo aos anfibios e réptiles. Os patóxenos poden diseminarse cos materiais de investigación contaminados.

Un bó exemplo é o amosado no terceiro cartaz da campaña “Pensa máis aló”. Rás africanas de uñas, empregadas sobre todo en investigación, dispersaron un fungo que ten conducido á extinción a máis de 200 especies de anfibios. Outras vías de dispersión de fungos ou virus son os equipos de investigación contaminados. Este cartaz salienta a importancia da bioseguridade para evitar a dispersión dos patóxenos. Usa o exemplo das rás africanas de uñas Xenopus laevis (empregadas sobre todo en investigación) como unha das especies portadoras do fungo Batrachochytrium dendrobatidis que ten causado mortaldades masivas do sapo común Bufo bufo (tamén representado no cartaz) en Europa.

Pensa máis aló da caixa: evita a dispersión de enfermidades se eres investigador
Preme aquí para descargar unha versión imprimible
“Pensa máis aló” se fas turismo

O turismo tamén xoga un importante papel na dispersión destas enfermidades. Moitos deses patóxenos viven en humidais e, ao visitar eses lugares, as botas dos turistas poden contaminarse.

O concepto de “unha saúde”

A saúde humana tamén está conectada coa saúde dos animais e do medio ambiente. Estímase que un 60% das enfermidades infecciosas en humanos procede dos animais.

  • Divulga ti tamén!

    RSS
    Facebook
    Facebook
    Twitter
    Instagram