Limia: río do esquecemento na lenda, río esquecido na realidade

Un colapso hidrolóxico crónico

Na bacía do Limia (como no resto da Demarcación Miño-Sil) os supostos “caudais mínimos ecolóxicos” que fixou a Confederación Hidrográfica son tan baixos que incumpren o establecido na Instrución para a Planificación Hidrolóxica. Pero os datos oficiais dos últimos 10 anos amosan que nin tan siquera se cumpren eses “caudais ínfimos”:

  • Nun de cada tres días incumpriuse o caudal ecolóxico mínimo (1.172 días).
  • O caudal ecolóxico mínimo tense incumprido reiteradamente durante máis de tres meses consecutivos (anos 2013, 2014, 2016, 2019 y 2020). 
  • Un de cada nove días non se chegou nin á metade do caudal ecolóxico mínimo (417 días).
  • O caudal circulante chegou a desplomarse ata cifras 10 veces menores que o caudal ecolóxico mínimo!
  • Os caudais máximos rexistrados apenas acadaron a metade do caudal xerador (o que “regula a estrutura xeomorfológica das canles, evitando o seu progresivo estreitamento e colonización” Orden ARM/2656/2008), e cunha frecuencia apenas a metade da necesaria.

O problema hidrolóxico na cabeceira do Limia non é algo circunstancial, senón estrutural como revelan os datos do“Informe de desarrollo y seguimiento. Año 2020. Plan hidrológico del ciclo 2015-2021. Parte española de la Demarcación Hidrográfica del Miño-Sil”, publicado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil:

  • Lonxe de ser o normal, a situación foi de “normalidade” só nun de cada tres meses.
  • A situación de “prealerta” foi tan frecuente como a de “normalidade” (un de cada tres meses).
  • Chegouse á situación de “alerta” nun de cada cinco meses e todos os anos.
  • Chegouse á situación de “emerxencia” nun de cada nove meses e todos os anos.

As causas do colapso

Como recoñeceu o Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil na resposta á SGHN hai 10 anos: “Del análisis histórico de los caudales en dicha masa, podemos observar que es desde finales de los años 90 cuando se observa una disminución media de caudales en el periodo de julio-septiembre”. Ao respecto, é preciso salientar que dita diminución de caudais:

  • Non pode deberse a un incremento do consumo para abastecemento humano (nin para a case inexistente industria), pois a población de A Limia ven diminuindo o 1,1% anual desde 1999.
  • Coincide exactamente no tempo cun espectacular aumento das explotacións gandeiras industriais.
  • Coincide exactamente no tempo cun enorme incremento do regadío.
Batería de 5 motores bombeando auga directamente do río Limia: invisibles e inaudibles para as autoridades competentes

O colapso hidrolóxico ameaza os espazos naturais…

O colapso hidrolóxico crónico na cabeceira do sistema Limia é especialmente preocupante polas súas graves afeccións aos valores ambientais (flora, fauna, paisaxe) dos espazos naturais da bacia do Limia amparados por 6 figuras de protección:

  • A Zona de Especial Protección para as Aves de A Limia (ZEPA ES0000436) e a súa Zona Periférica de Protección, que debería ter aprobado un “Plan de desenvolvemento sostible” hai máis de 11 anos… si a Xunta de Galicia cumprise os seus propios Decretos (Art. 6 do Decreto 411/2019).
  • A Zona de Especial Conservación “Veigas de Ponteliñares” (ZEC ES1130006).
  • A Reserva da Biosfera “Área de Allariz”
  • A Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, que inclúe o Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés no lado español e o Parque Nacional da Peneda Gêrés do lado portugués.

…e tamén as xoias limiás da biodiversidade

A situación de emerxencia hidrolóxica recurrente é un risco moi grave para a conservación de alomenos 12 taxóns de flora e fauna ameazados a nivel rexional, estatal e/ou europeo:

  • Pilularia globulifera, fento incluido na categoría “En perigo de extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) e na “Lista Roja 2008 de la Flora vascular española” (Moreno, 2008).
  • Eryngium viviparum (“cardiño de lagoa”), umbelífera incluida na categoría “En perigo de extinción” no CGEA e nas listas vermellas da IUCN (Lansdown, 2011) e da Flora vascular española (Moreno, 2008), e na categoría “Prioritaria” no Anexo II da Directiva 92/43/CEE.
  • Gasterosteus aculeatus (espiñento), peixe incluido na categoría “Vulnerable” no CGEA.
  • Hyla molleri (estroza) e Pelobates cultripes (sapo de esporóns), anfibios incluidos na categoría “Vulnerable” do CGEA.
  • Anas crecca (cerceta común), Burhinus oedicnemus (pernileiro), Tetrax tetrax (sisón), Vanellus vanellus (avefría ou conícora) e Gallinago gallinago (becacina), aves coas poboacións reprodutoras na categoría “En perigo de extinción” do CGEA.
  • Himantopus himantopus (cegoñela común) e Ixobrichus minutus (avetorillo común), aves incluidas na categoría “Vulnerable” no CGEA.

Peticións de SGHN ao MITERD

Á vista da dramática situación dos cursos fluviais e dos humidais na cabeceira do sistema Limia, SGHN ven de remitir escritos a todos os departamentos do Ministerio para a Transición Ecolóxica con competencias no tema: Gabinete da Ministra, Director General del Agua, Director General de Biodiversidad, Bosques y Desertización y Presidente de la Confederación Hidrográfica del Miño-Sil solicitando que:

  1. Non se concedan novos aproveitamentos de augas na cabeceira do sistema Limia agás para abastecemento de poboacións.
  2. Se revisen todas as concesións existentes (agás as de abastecemento) na cabeceira do sistema Limia para adecualas á realidade hidrológica e garantir o cumprimento dos caudais ecolóxicos e os caudais xeradores establecidos no Plan Hidrolóxico.
  3. Se defina e faga cumprir un protocolo de actuación para as situacións de pre-alerta, alerta e emerxencia no sistema Limia para garantir o cumprimento da Lei de Augas e o Plan Hidrológico de bacía.
  4. Se empregue o percentil do 10% para definir os caudais ecolóxicos mínimos, como valor intermedio entre os admitidos pola Instrución de Planificación Hidrolóxica (5-15%) e como “valor salomónico de consenso” entre as demandas consuntivas e as demandas ambientais. En calquera caso, sexa cal for o percentil escollido, o intervalo temporal de cálculo do percentil debería ser o mesmo que o intervalo temporal de aplicación do caudal ecolóxico.
  5. Se aplique o artigo 2.27 da Directiva 2000/60/CE, que define como recurso dispoñible de augas subterráneas “o valor medio interanual da taxa de recarga total da masa de auga subterránea, menos o fluxo interanual medio requirido para conseguir os obxectivos de calidade ecolóxica para a auga superficial asociada para evitar calquera disminución significativa no estado ecolóxico de tales augas, e calquera dano significativo aos ecosistemas terrestres asociados”.
  6. Se adopten todas as medidas necesarias para garantir a conservación, e no seu caso recuperación, dos valores ambientais que motivaron a declaración dos espazos naturais na cabeceira do sistema Limia protexidos por instrumentos nacionais e/ou internacionais: ZEPA ES0000436 “A Limia” (e a súa Zona Periférica de Protección), ZEC ES1130006 “Veigas de Ponteliñares”, Reserva da Biosfera “Área de Allariz” e Reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés, que engloba o Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés ao lado español e o Parque Nacional da Peneda Gêrés ao lado portugués.
  7. Se adopten todas as medidas necesarias para garantir a conservación, e no seu caso recuperación, das especies de flora e fauna presentes na cabeceira do sistema Limia incluídas nos Catálogos Galego e Español de Especies Ameazadas e/ou no Anexo II da Directiva 92/43/CEE.