Mega-constelacións de satélites

Starlink, OneWeb, Amazon…

Teño a sorte de vivir en Esmelle, un precioso val que aínda a pesares da contaminación lumínica que o rodea, permítenos seguir vendo ceos estrelados, que me seguen deixando aparvado e asombrado como cando era neno. Hai uns días chamoume a miña muller e con voz sorprendida dicíame: Corre, mira isto! E sobre o horizonte do oeste e en dirección suroeste norte, contei unha fila de 42 satélites que percorrían o ceo. Maldixen abertamente, pois deseguida os identifiquei: eran os satélites Starlink de SpaceX. A verdade é que xa facía un certo tempo que algunhas persoas chamábanme para falarme deste fenómeno artificial, pero esta foi a primeira vez que en realidade os vín.

A corporación Starlink pretende, para mediados desta década, ter no espazo unha mega-constelación de 12.000 satélites, cunha posible expansión a 42.000. Pero hai máis, xa que a empresa londiniense OneWeb, ten autorización para a posta en órbita baixa de 1.280 satélites, con posibilidade de aumentar a mega-constelación a 48.000. Pola súa banda Amazon no seu Proxecto Kuiper pretende poñer en órbita 3.236 satélites, con posibilidade de ampliación.

Satélites artificiais e contaminación lumínica

A contaminación lumínica é desde hai tempo a principal ameaza para a observación do ceo nocturno, pero polo menos podiamos minimizala e mesmo eliminala, se podiamos fuxir dos centros urbanos cara a zonas rurais libres de excesiva iluminación. Pero como por desgraza parece, se as mega-constelacións de satélites séguense facendo realidade, o ceo nocturno converterase nunha procesión de luces de milleiros de satélites en movemento que nos ocultarán a observación do ceo nocturno, o que fará que a astronomía profesional, a astronomía de afeccionados e a astrofotografía se vexan gravemente afectadas.

Os seres humanos temos conexións profundas coas estrelas que se remontan aos albores da humanidade, de feito somos restos de  supernovas, é dicir pó de estrelas. Na próxima noite despexada convidámosvos a mirar cara arriba, goza das estrelas, xa que poida que a visión das mesmas estea a piques de cambiar drasticamente. Definitivamente esquecéronse de que o ceo nocturno é patrimonio da humanidade.

Na foto dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN obtida en Ares o pasado 6 de maio, podedes ver unha ringleira de satélites Starlink.

Ringleira de satélites artificiais Starlink en órbita baixa