Nin un ano cheo de avatares frea a recuperación na Veiga de Gomareite

Quen espera, desespera

A mediados do pasado decembro rematamos a 3ª fase do proxecto: “Recuperación de Eryngium viviparum, Vanellus vanellus e especies asociadas a humedais na ZEPA A Limia mediante a restauración e mellora de hábitats potenciais”. Realizouse ao abeiro da Orde de 26/12/2019 de axudas a inversións non produtivas vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2020 para os anos 2021 y 2021. Estas axudas están cofinanciadas polo Feader no cadro do programa PDR de Galicia e deben contar con medios propios das entidades solicitantes para afrontar os gastos do IVE e, neste caso, para dar un bó pulo ao proxecto, SGHN cubriu os custes da elaboración do proxecto e da dirección de obra e o sobrecuste de xestión de moito máis lixo do que inicialmente valoramos.

A cousa andivo movida e con bastantes incidencias que nos fixeron estar pendentes da resolución e das posibilidades reais para desenvolver este proxecto. Mirade como discurriron as cousas:

  • 14/02/2020: publicación da Orde de convocatoria con prazo dun mes para presentación das solicitudes e data límite para xustificación da primeira anualidade o 01/09/2020.
  • 14/03/2020: a falta dun día para rematar o prazo de presentación das solicitudes, suspéndese o procedemento pola declaración do estado de alarma derivado da Covid19.
  • 04/05/2020: retómase o trámite para completar o prazo de presentación de solicitudes.
  • 21/08/2020: modifícase a orde de convocatoria no referido os prazos de aprobación e de execución das obras ao estar sen aprobar os proxectos. A data límite da xustificación da primeira anualidade da obra amplíase ata 30/10/2020.
  • 21/10/2020: vólvese ampliar o plazo de xustificación da anualidade ata o 16/11/2020, aínda sen aprobarse os proxectos.

Á vista de todos estes cambios, comezaron a aflorar os nervios vendo como pasaba o tempo sen a resolución da Xunta e cavilando sobre a mellor organización das tarefas diante das dificultades que se prevían para traballar con maquinaria pesada sobre un terreo asolagable se chegaban as choivas. E, paseniño, foron entrando os frentes con choivas intensas e continuas e nós, mentres, desesperando á espera de resolución administrativa…

Por fin chegou a ansiada aprobación o 09/11/20, bianualizando a obra pero … con prazo de execución de 1 semana para a anualidade de 2020: “A notificación do remate das accións (total ou parcial) e a solicitude de pagamento deberá xustificarse con data límite do 16 de novembro de 2020 para a anualidade do ano 2020 e do 31 de marzo de 2021 para a anualidade do ano 2021.” Menos mal que o parágrafo continuaba decindo: ” Non obstante, infórmase de que está prevista a publicación inminente no Diario Oficial de Galicia da modificación da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se acorda a ampliación do prazo de xustificación da anualidade 2020 ata o 31 de decembro deste mesmo ano.” Dita Orde publicouse no DOG tres días despois, o 12/11/2020.

A traballar

Non sen desacougo, comezou a xestión coa empresa para tentar iniciar os traballos o antes posible. Ademais, había a dificultade de ter que afrontar en 2020 a totalidade da obra pois, aínda que é bianualizada, tiña que estar todo rematado antes do 31 de marzo e nestas zonas asolagables resulta case imposible traballar con maquinaria entre mediados de decembro e mediados de maio.

Con esta inquedanza a obra comezou a finais de novembro con tan mala sorte que rompeu unha peza na retroexcavadora e perdemos unha semana de traballo, mentres os frentes chuviosos seguían pasando e enchoupando o chán da veiga. Reparada a avería, chegado mediados de decembro, o traballo foi avanzando con dificultades para a maquinaria. O camión precisaba de cando en vez que a pala o empurrase para sacalo do bulleiro que se formaba no terreo ao transitar unha e outra vez polos mesmos sitios. Mesmo a máquina pasou algúns apuros ao moverse polas zonas máis enchoupadas.

Dez días despois xa se notan os efectos do novo dique

Máis pouco a pouco, buscando os puntos de ataque e as zonas máis secas a obra foi avanzando ata rematar coa retirada e traslado duns 1.300 m3 de pedras e a retirada e xestión de 66 m3 de residuos mesturados diante da imposibilidade de separalos pola situación do terreo.

Foron unhas duras xornadas para os compañeiros que alí estiveron organizando, axudando e solventando os problemas a pé de máquina e buscando o mellor rendemento dos medios mecánicos, mentras recollían os residuos dispersos, ás veces baixo a choiva ou a neve, e nalgures atugados ate o tobillo. Sen dúbida, un enorme esforzo persoal que vimos recompensado a medida que a veiga de Gomareite se asolagou, chegaron as aves e cando o cardiño da lagoa se extenda polas superficies libres dos vertidos.

Sería imposible sen os nosos socios e simpatizantes

Aínda que a obra rematouse completa o 18/12/2020, houbo que presentar as dúas anualidades por separado, que se xustificaron o 22/12/2020 e o 04/02/2021. Como as facturas tiñan que estar pagadas antes de cada xustificación, uns cantos socios e simpatizantes de SGHN, que prefiren o anonimato, prestaron desinteresadamente a SGHN un total de 7000 €. A Xunta certificou as dúas anualidades o 30/12/2020 (con ingreso de 6000 € catro meses despois) e o 14/04/2021 (ingreso doutros 6000 € dous meses despois). Recibidas as axudas puidemos devolverlle os cartos aos nosos “prestadores desinteresados”, sen os cales SGHN non podería aproveitar estas subvencións. Ao respecto, compre salientar que SGHN tivo que asumir nada menos que 2520 € de IVE, pois a Xunta non o subvenciona malia que, segundo a Lei de Subvencións de Galícia, pode facelo ao tratarse dunha asociación sen ánimo de lucro.

Con todo, satisfeitos polo traballo desenvolvido, que deu un magnífico resultado esta tempada, ao incrementarse en 2 ha a masa de augas libres pouco profundas na Veiga de Gomareite.

Coidando os detalles na veiga de Gomareite

Pasados dous meses dende a finalización dos traballos de mellora na veiga de Gomareite e asentado o terreo afloran anacos de residuos diversos moitos dos cales poden ser perigosos (fragmentos de vidro) ou moi fácilmente dispersables (porexpán, poliuretano e plásticos pequenos).

Nestes casos, o máis axeitado e recomendable é a súa retirada asiña para evitar outros problemas, sobre todo antes de que medre a herba, queden cubertos e poidan supor un risco para o gando ou que se extendan sobre unha maior superficie durante as enchentes. Sendo así, e contando có apadriñamento do programa Libera Natureza sen residuos de Seo/Ecoembes para o ano 2021, convocouse a un grupo limitado de persoas para desenvolver unha nova xornada de limpeza axustándose á situación sanitaria e ás limitacións de mobilidade vixentes.

Ao longo da xornada, forónse recollendo os restos transitando sobre as zonas removidas pola maquinaria mentres se observa a flora e e se comparten coñecementos, experiencias e anédotas con eses compañeiros cós que non tiñamos coincidido nos últimos meses. Finalmente, entre unhas cousas e outras fomos quen de recoller un volume aproximado de 1,5 m3.

Fin da tempada de limpeza na Veiga de Gomareite

Dando continuidade a actividade de marzo para perfilar o traballo “bruto” de decembro de 2020 con maquinaria pesada, o 17/07/2021 achegámonos de novo ata a Veiga de Gomareite para recoller e retirar residuos dentro do programa “Libera, Natureza sin resíduos” que patrocina SEO/Ecoembes, e así seguir mellorando este espacio singular tanto para a fauna e flora silvestres como para a pequena gandeiría en extensivo.

Despois dunha breve explicación do que se leva feito, dos obxectivos que a SGHN-Antela persegue, da colaboración con SEO-Ecoembes, e de definir o traballo a realizar, os voluntarios despregáronse pola zona de actuación na busca e recolleita de restos dispersos e perigosos ou fráxiles residuos que quedaron despois das obras de adecuación e restauración de finais de 2020: vidros, cordas e cordeis, plásticos pequenos e restos de materiais aillantes sobre todo porexpán. Puntualmente xuntamos en lugares estratéxicos grupos de escombros e lixo de maior tamaño á espera de completar o volume preciso que permita encher un contedor.

Como ben comentaron algúns dos habituais, o traballo foi levadeiro sen o engorro da choiva, do bulleiro ou do frío e sen ter que mover os enormes volumes de lixo ós que nos temos enfrentado noutras ocasións. Para amenizar o traballo a aparición dalgún “habitante” da veiga sirve de momento de relax ao tempo que coñecemos algunha cousa nova, nesta ocasión sobre todo de entomoloxía.

Con todo, anaquiño a anaquiño foronse xuntando os resíduos que posteriormente entregáronse a xestor autorizado. Ao mesmo tempo acopiáronse outros en diversos puntos á espera de poder proceder á súa retirada.

E chegou a oportunidade o 26/08/21, data na que un grupo de voluntarios que puideron acudir en día laborable, ocupáronse de recoller, trasladar e encher un contedor de resíduos para entrega en xestor autorizado. De tal xeito que entre unha e outra xornada alá foron outros 8m3 de resíduos retirados da Veiga de Gomareite.

E xa máis nada ata a volta do verán, como sempre, moitas grazas a tódolos participantes pola súa colaboración e axuda para demostrar que Outra Limia, sen lixo, é posible.