Mes da Astronomía 2019

Durante o mes de xullo a Sección de Astronomía da SGHN e Fotografía Ferrolterra organizan o MES DA ASTRONOMIA. O obxectivo é espertar o interese de nenos, novos e adultos para que se acheguen e coñezan máis sobre esta ciencia que se ocupa do Universo e todos os seus misterios. A astronomía foi sempre un enigma para o ser humano desde a máis remota antigüidade. Todos os pobos sentíronse intrigados por esta case “máxica” ciencia.

Hoxe en día e grazas á astrofotografía podemos contemplala desde outra dimensión, que ata hai moi pouco era inimaxinable.

Durante os meses de xuño, xullo e agosto teremos varias actividades destinadas a achegar o Universo a todos. Ata o 13 de xullo, data de clausura, pódese visitar unha exposición de Astrofotografía nas instalacións do Museo de Historia Natural da SGHN, con 30 extraordinarias fotos dalgún dos mellores astrofotógrafos de España como: Raúl Villaverde, Leoncio Peiro e Domingo Pestana. Así como dos astrofotógrafos ferrolanos: Marcos López Alonso, Nicolás Sisto e Miguel Díaz, que se atopan xa nos maiores estándares de calidade en astrofotografía.

O día 13 de xullo ás 12:00, terá lugar no Salón de Actos da SGHN, unha conferencia sobre astrofotografía, que contará coa presenza dos seis astrofotógrafos citados anteriormente.

Os días 12 e 13 de xullo, terá lugar no Monasterio de Santa Catalina en Ares, o IV Congreso de Fotografía de Longa Exposición. O primeiro día está dedicado a “A Luz das Estrelas”  e o segundo leva por título “A Luz da Imaxinación”. Máis información en https://www.facebook.com/groups/632458440278057/

O 12 de agosto e como todos os anos, terá lugar a choiva de estrelas Perseidas ou Bágoas de San Lorenzo, que veremos si o tempo o permite na praia de Esmelle. Invitámosvos a participar en todos estes actos, seguro que vos sorprenderán.