Un censo recente indica que soamente quedan vinte parellas desta ave en Galicia. Nos quince últimos anos desapareceron no mundo cinco de cada seis parellas, sobrevivindo unicamente en Galicia e Portugal. As especies ameazadas están a sufrir as consecuencias da ausencia de plans de recuperación e conservación eficaces.
Unha situación desesperada
A escribenta das canaveiras iberoccidental (Emberiza schoeniclus lusitanica) é un ave galega en perigo de extinción. Así figura dende o ano 2007 no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Malia o seu estado crítico, houbo que esperar até o ano 2013 para que a Xunta aprobara o seu plan de recuperación. Pero nunca se chegou a aplicar, de xeito que esta especie avanza inexorablemente cara a súa extinción sen que a Administración tome medidas para evitalo.
Na primavera do ano 2005 SEO/Birdlife coordinou o primeiro censo en toda España para valorar a situación desta ave (ver PDF). Detectaron que sufrira un grave declive na década precedente, pois soamente detectaron un máximo de 71 parellas (o 90 % delas en Galicia) repartidas en 14 localidades. Aínda que non se coñecía con precisión a situación en Portugal, o único país que compartía con España este paxariño, daquela estimábase a poboación mundial nun máximo de 600 parellas. En 2015, SEO/BirdLife publicou nu novo censo sobre a especie (ver PDF).
A SGHN ven de publicar na súa revista científica Braña un exhaustivo censo realizado por sete ornitólogos galegos (ver PDF). Os resultados indican que nos últimos 13 anos perdemos o 71 % da súa poboación, desaparecendo totalmente de localidades de cría tradicionais como San Xurxo, Pantín, Ortigueira ou Ribadeo. Actualmente soamente sobrevive un máximo de 20 parellas reprodutoras en toda Galicia, repartidas por cinco enclaves da provincia de A Coruña e un na de Pontevedra.
A situación actual da escribenta das canaveiras iberoccidental resúmese en que soamente quedan 110 parellas en todo o mundo. O 18 % están en Galicia e o resto en Portugal. Os resultados do censo amosan que entrou na categoría de en perigo crítico de extinción, segundo o criterio da UICN. Se consideramos o ritmo de declive que leva, no ano 2023 estará extinta.
O absurdo papel da Xunta
Ante a situación crítica da escribenta posta de manifesto polo novo censo, e o feito de que non se ten iniciado a aplicación do seu plan de recuperación, a única reacción da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia é ¡contratar un novo censo! Aprobado o 29 de abril cun orzamento de licitación de 18.081,03 euros (sufragados nun 75 % con fondos europeos e nun 7,50 % de fondos estatais), a empresa contratada terá que entregar o informe o próximo 15 de setembro.
Volver a contar as escribentas non as sacará da súa cita coa extinción. Para conseguir a súa recuperación simplemente hai que seguir as recomendacións que reiteradamente citan os expertos: dotar de medios económicos e humanos o seu plan de recuperación, incrementar a protección efectiva dos humidais onde cría, manexar o seu hábitat para que as condicións sexan óptimas, coordinar a súa xestión con Portugal, aumentar o coñecemento e iniciar a súa cría en catividade.
A escribenta das canaveiras iberoccidental (en castelán escribano palustre iberoccidental) é un paxariño de colorido discreto do tamaño dun pardal. Está ligado a humidais, pois soamente cría nas canaveiras, polo que é moi importante mantelas en bo estado de conservación e xestionalas de acordo cos seus requirimentos. Aliméntase nas súas proximidades en prados, hortas e labrados, polo que aféctalle a intensificación da agricultura cun uso excesivo de insecticidas e herbicidas.
O abandono das especies ameazadas en Galicia
A escribenta das canaveiras é un exemplo extremo do abandono que sofren as especies ameazadas. Se a Xunta tiña que ter elaborado, aprobado e iniciada a execución de plans de recuperación e conservación para as 202 especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, o certo é que en 18 anos soamente se teñen aprobado 3, e como vemos no presente caso, non se pode dicir que se estean a aplicar.
Sen esperanza na nova Lei de Patrimonio Natural
A nova Lei de Patrimonio Natural, debatida o 25 de xuño no parlamento galego e actualmente en tramitación, non supón ningunha esperanza. Non inclúe medidas que fagan pensar que o estado de abandono das especies ameazadas vaia mellorar. Tamén hai que salientar que non avanza na protección dos humidais, dos que teñen desaparecido boa parte dos que hai 16 anos se incluíron no Inventario de Humidais de Galicia. Estes hábitats son de crucial importancia para a escribenta das canaveiras, do mesmo xeito que moitas outras especies que dependen destes hábitats.
No tocante a protección de espazos, hai que lembrar que Galicia é a comunidade española con menos territorio protexido (non chega ó 13% de superficie terrestre fronte ó 28% da media estatal), malia a riqueza e variedade dos hábitats que alberga. De feito está a incumprir a obriga establecida pola Unión Europea de ampliar a súa Rede Natura 2000, arriscándose a sufrir graves sancións económicas.
Diante da grave situación de deterioro do patrimonio natural galego, a Sociedade Galega de Historia Natural súmase as entidades ecoloxistas que reclaman que a nova lei recolla medidas lexislativas e financeiras eficaces para conservar as especies ameazadas, así como abordar a ampliación e o abandono da Rede Natura, e reforzando os mecanismos de vixilancia e recuperación dos espazos protexidos. En definitiva, reclaman unha lei que solucione os graves problemas que sufre o noso patrimonio natural, como son as especies exóticas invasoras, a desaparición dos humidais, o declive continuado das especies ameazadas, a destrución de hábitats e a emerxencia climática, entre outros, e non se limite a actualizar a vixente Lei 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da Natureza, traducindo ó galego artigos da correspondente lei básica estatal.
Máis información sobre a escribenta das canaveiras: https://www.seo.org/ave/escribano-palustre/