Proxecto de mina de ouro en Corcoesto: ameaza para a saúde humana e a dos ecosistemas

Niveis de arsénico nos solos galegos

Na monografía “Niveles genéricos de referencia de metales pesados y otros elementos traza en suelos de Galicia” (Macías Vázquez, F., Calvo de Anta, R., 2009) realizada no Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago por encargo da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Xunta de Galicia) indícase en relación ao arsénico:

  • Os maiores riscos de contaminación de solos por As atópanse en zonas onde se realizaron actividades mineiras e siderúrxicas, procesos de combustión, xestión de residuos ou utilización de pesticidas para a conservación de madeira ou a eliminación de pragas recalcitrantes” (p. 58).
  • “Tendo en conta todos estes resultados, o NGR(As) para protección da saúde humana non debería exceder de 1,5 mg/kg. Considerando que o nivel edafoxeoquímico de fondo dos solos de Galicia é 45 mg/kg (e maior de 60 mg/kg en esquistos e pizarras de áreas mineralizadas), optouse por establecer un NGR(As)outros usos de 50 mg/kg, para todos os materiais, só superable en zonas de demostrada presenza de arsenopirita (que deberían ser consideradas para estudos de risco natural). En calquera caso, a elevada perigosidade do As debe terse en conta e a contaminación por este elemento fortemente controlada e, no posible, minimizada (p. 60).
Niveis xenéricos solos Galicia
Niveis xenéricos de referencia en solos de Galicia

Niveis de arsénico en Corcoesto

Como se indica textualmente na Declaración de Impacto Ambiental da mina Corcoesto (Anexo III, p. 43):

  • “Sobre o elevado contido en Arsénico (As) nos residuos xerados na mina; o promotor aporta analíticas dos valores naturais dos solos en As que oscilan entre 26 e 4090 ppm, cunha media de 494 ppm que son mais elevados que os niveles xenéricos de referencia para os solos industriais de Galicia”.
  • A Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental:
    • Aprobou un “contido en arsénico do vertido calculado (0,077 mg/l)”, case 8 veces superior ao límite establecido para augas potables pola Organización Mundial da Saúde polo que cada litro de auga vertida pola mina terá que diluirse con 9 litros de auga para que sexa potable e con 31 litros de auga para non degradar a calidade actual das augas do río Anllóns.
    • Aprobou que, para extraer o ouro, as rochas que conteñen o ouro (e o arsénico) se moan ata un tamaño de partícula de menos de 100 micras (DIA, p. 25), incrementando así alomenos en 10.000 veces a solubilidade do arsénico antes atrapado no interior de rochas compactas.
    • Deulle a razón á empresa mineira (PDF) e rexeitou a demanda dos técnicos ambientais da propia Consellería (Dirección Xeral de Conservación da Natureza) de que a aprobación da mina estivese condicionada“a esixencia de publicar en tempo real e en páxina web os parámetros de calidade de augas en todos os puntos de vertido”.

Opinión de SGHN

En todos os parágrafos anteriores os textos entrecomillados son citas literais, como se pode comprobar premendo nos vínculos aos correspondentes PDF. Os únicos cambios feitos por SGHN son de formato de texto: emprego de cursiva para salientar visualmente que se trata dunha cita textual e emprego de negriña para destacar os aspectos que SGHN valora como máis relevantes e nos cales se basean as consideracións, opinións e solicitudes ás Consellerías de Sanidade e de Medio Ambiente que SGHN fai nos seguintes parágrafos:

En consecuencia, cunha concentración natural media de 494 mg/kg de arsénico, os solos da zona de Corcoesto con presenza de arsenopiritas sobrepasan en 10 veces os niveis xenéricos de referencia establecidos pola Xunta de Galicia para a protección da saúde humana e dos ecosistemas, polo que a xuizo de SGHN entran de cheo na categoría para a que se recomenda “que deberían ser consideradas para estudios de riesgo natural”.

Tendo en conta toda esta información, SGHN ven de solicitar á Consellería de Sanidade e á Consellería de Medio Ambiente:

  • Que avalíen, respectivamente, o risco natural que para a saúde humana e para os ecosistemas terrestres, fluviais e mariños supoñen as elevadas concentracións naturais de arsénico na zona en que Edgewater Exploration pretende poñer en explotación a mina de ouro de Corcoesto.
  • Que non autoricen ningunha explotación mineira, nin movementos masivos de terras, na zona de Corcoesto en tanto non se dispoña da devandita avaliación de risco natural.

Ignorancia ou prevaricación?

Segundo o Dicionario da Real Academia Galega da Língua:

  • Ignorancia. s.f. Estado de ignorante. Ignorante. adx. 1. Que ignora ou descoñece determinada cousa ou materia.
  • Prevaricación. s.f. Der. Resolución inxusta emitida por un funcionario público.

Resultaría inadmisible que o Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ignorase a devandita monografía sobre Niveis Xenéricos de Referencia pois se trata dun estudio moi importante, sobre un tema específico clave para as súas competencias legais, e ademais encargado e publicado pola Consellería na que é un dos tres máximos responsable. Este feito, ademais, viríase a engadir á decisión do Secretario Xeral de desestimar as peticións formais dos técnicos da súa propia Consellería (Dirección Xeral de Conservación da Natureza) para que se garantise a transparencia informativa dos controis de calidade das augas vertidas pola mina. Polo tanto, no suposto de ignorancia SGHN considera que o Secretarío Xeral debera ser inmediatamente cesado polo Conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas.

Pero se o Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental coñecía a monografía e as recomendacións respecto ao arsénico, SGHN considera que a Declaración de Impacto Ambiental que asinou para a mina de ouro de Corcoesto, podería ser unha “resolución inxusta emitida por un funcionario público” e que o Ministerio Fiscal debera abrir inmediatamente de oficio unha investigación para dilucidar se constitúe un caso de prevaricación.