Menos malo que o inicial pero non aceptable
SGHN ven de presentar alegacións (PDF) ao segundo proxecto para explotar a mina de ouro de Corcoesto. Trátase do “Proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración para as concesións de explotación Emilita n.º 1221, Ciudad de Landró n.º 1454 e Ciudad del Masma n.º 1455, que forman o coñecido como Grupo Mineiro Corcoesto”, situado nos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Coristanco, da provincia da Coruña e promovido por Río Narcea Gold Mines, S.A. e sometido a información pública.
Acertadamente, o proxecto abandona a previsión inicial (ver máis abaixo) de lixiviar con cianuro en pilas (medio aberto) todo o mineral e opta por preconcentrar mediante gravimetría ou flotación o mineral e así tratar con cianuro en tanques axitados (medio pechado) só un 7% do mineral. Malia esta modificación o proxecto contempla:
- Unha produción anual de 100.000 toneladas de residuos de lixiviación tratados con cianuro que se acumularán nunha balsa mineira.
- Un consumo anual de 1.701 toneladas de produtos tóxicos e perigosos (546 de cianuro, 798 de sosa cáustica e 357 de ácido clorhídrico) que haberá que transportar ata a mina, co risco de verquido en caso de accidente de tráfico.
Desoídas as alegacións de SGHN
Malia a petición nese senso formulada por SGHN no primeiro trámite de consultas ambientais (PDF) o EIA non avalía os custes sanitarios, económicos e ecolóxicos dos peores accidentes posibles:
- A rotura das dúas balsas mineiras con vertido total ao cauce do río Anllóns da cantidade máxima de residuos que conteñan.
- Verquido accidental das máximas cantidades de produtos tóxicos e perigosos almacenadas nas instalacións mineiras: 50 toneladas de cianuro, 50 toneladas de sosa cáustica e 30 toneladas de ácido clorhídrico.
- O verquido accidental de produtos tóxicos e perigosos (cianuro, sosa cáustica e ácido clorhídrico) durante o seu transporte ás instalacións mineiras.
Por istes motivos, SGHN solicitou que se rexeite o Estudio de Impacto Ambiental do proxecto e se esixa a elaboración dun novo que inclúa unha simulación dos efectos sanitarios, económicos e ecolóxicos dos peores accidentes posibles indicados no punto 2 do exponendo anterior. Dita simulación é imprescindible á vista dos precedentes noutros casos de minería metálica a ceo aberto, por exemplo a rotura da balsa mineira en Aznalcollar.
SGHN demanda, ademais, que esixa á empresa a contratación dun seguro de responsabilidade civil, nunha compañía de seguros radicada na Unión Europea e suxeita á lexislación da UE, para facer fronte a todos os danos previsibles de acordo coa simulación do punto anterior, na liña do establecido pola Directiva 2004/35/CE e a Lei estatal 26/2007 sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais.