Na procura do Abellaruco 11.0

Na procura do Abellaruco – 11ª edición, por terras de A Veiga e Viana do Bolo

Un ano máis vimos de compartir unha xornada moi especial con algúns compañeiros, retomando aquelas conversas de antes, qué ganas tiñamos!!! E ademáis descubrimos e coñecemos algo máis e mellor o noso entorno, nesta ocasión por A Veiga e Viana do Bolo.

O comenzo xa foi espectacular, no punto de encontro Adrián móstranos dúas cobras viperinas que estaban á beira da auga do río, preciosas e inofensivas para o ser humano. Antes de continuar o relato, debemos constatar que unicamente as persoas autorizadas e con permisos específicos da administración manipularon os animais: anfíbios, réptiles, insectos, e permitíronnos iniciarnos no recoñecemento desta fauna que pasa máis desapercebida.

Sendo o punto de inicio da xornada á beira do encoro de Prada nada mellor que lembrar algúns recordos históricos da man de Víctor. Neste caso encol de Alberguería, un pobo desaparecido baixo as augas do encoro que levou á diáspora a moitos veciños que viron as súas vidas truncadas para sempre, véndose na necesidade de iniciar unha nova vida deixando atrás mesmo aos defuntos que repousan baixo uns 30 metros de auga. Tratándose de presas e de xentes lembramos tamén a traxedia de Ribadelago onde faleceron 144 dos seus habitantes como resultado da riada causada pola rotura da presa de Vega de Tera. Queda patente o impacto imborrable destas grandes obras sobre as poboacións locais e esta é a nosa pequena homenaxe na súa memoria.

Do encoro de Prada á Cántara da Moura

Para ir facendo boca, despois dunha chea de kilómetros, un paseniño paseiño levaranos pola senda da Cántara da Moura empezando nunha pista, ao bordo dun campo de tiro ao prato, para seguir baixo a sombra dos carballos pasando por un pasteiro onde voan as bolboretas ata chegar aos penedos por onde o río trata de facerse camiño cun forte rumor que casi non deixa escoitar a explicación do noso xeólogo. No camiño xa puidemos difrutar dunha cantas bolboretas, algún ave e tamén unhas poucas frores.

Ata aquí a parte bonita, porque xa de volta empezamos a escoitar con incomodidade o inicio da actividade do campo de tiro. Pensamos que a elección do punto para instalar este tipo de actividades non semella afortunada. Case diríamos que o uso recreativo do camiño para visitar a Cántara da Moura é incompatible coa actividade de tiro ó prato. Tampouco é o mellor lugar para o campo de tiro cando nas inmediacións temos o encoro de Prada e varios puntos de praias fluviais desde onde se escoita perfectamente a actividade dos afeccionados a este deporte. Mellorable.

De novo no encoro de Prada

A golpe de “petardazo” algo amortiguado pola distancia, os compañeiros coñecedores do encoro fan un resumo dos datos dispoñibles dos censos de acuáticas invernantes con censos esporádicos dende 1985 e continuados desde 1992, facendo fincapé nunha especie: o mergullón cristado, especie que nos últimos anos ten desaparecido, por exemplo do encoro de Castrelo polo incremento das actividades deportivas e que amosa un patrón de presencia anual bastante aleatorio pero … cuhna clara tendencia á baixa no encoro de Prada e na nosa provincia. Pero … tiñamos gardada unha sorpresa, e sí, sorprendimos e alegramos aos asistentes coa observación dunha familia de mergullón cristado … qué marabilla!!!.

A estrela da xornada faise un pouco de rogar

Ata aquí todo moi ben, pero xa pasa do mediodía e aínda sen novas da nosa estrela, así que agora vai tocar achegarse a lugares máis axeitados onde buscar o abellaruco, tendo constancia da presencia dalgunhas poucas parellas espalladas pola zona. Chegando a un destes lugares xa desde o coche, uns tres ou catro exemplares voan sobre a estrada, atopado, xenial!!! Máis non todos os participantes consiguen observalos, pero … para eso xa contamos cun espazo de aparcadoiro onde deixar os coches e agardar a súa presenza. De momento, semella que se escoitan na contorna pero non somos quen de velos, ollando en varias direccións alcanzamos a ver os primeiros voando rápido durante un pouco de tempo ata que se mesturan cun grupo de cirrios e remontan o vóo.

Despois dun rato de espera e velos algunhas veces en vóo, chegamos á conclusión de que neste punto ía ser complicada a observación dalgún exemplar pousado para o disfrute dos presentes, e continuamos ruta cara ao sitio que buscamos para descansar, refrescarnos, xantar e parlotear, unha zona recreativa en Xares; pero sin descartar que poida haber algunha parada previa na que atopemos de novo aos abellarucos.

E pasou, pouco antes de chegar á área recreativa, alí estaban os abellarucos, algo desconfiados ante a nosa presencia, acostumados á tranquilidade da súa vida cotiá. Ningún parou para darnos o gustazo de velos pousados, pero dúas anduriñas dáuricas, preto do seu niño, decidiron descansar dos seus incesantes vóos e disfrutámolas a tope.

En Xares: xantar de campo e máis

Agora sí: a xantar. Xa rematado o refrixerio aproveitamos para achegarnos a visitar a igrexa de Santa María de Xares iniciada no ano 1010, reformada no século XVI e ubicada á beira do río Xares. Varios elementos chaman a nosa atención: a enorme cúpula, o campanario, o escudo da fachada … e os ollos expertos do xeólogo fan visible algunhas contadas pedras de episienita nas paredes de granito.

O adro está rodeado dun muro de pedra e sobreelevado en relación ao nivel natural do terreo, a conexión coa zona habitada realizábase ata fai ben pouco por unha pontella que quedou arrasada por unha riada e ahora veñen de rematar a construcción dunha nova ponte moito máis cómoda para os veciños e que non deixa a ninguén indiferente.

Exhibición da estrela

O tempo da tarde adícase novamente á procura do abellaruco pois os participantes insisten en miralos máis tranquilos e quedos … mira que son esixentes!!! … Pero non contaban (ou si) coa pericia dos organizadores, que prepararon o fin de festa e despedida da Veiga moi preto do lugar no que iniciaramos a xornada, e alí estaban, como non, os abellarucos, pousados, voando, … un, dous … e ata dez. Desta todos quedamos contentos e marabillados das cores destas magníficas aves … como lembramos a 1ª edición cando Alberto, con seis anos, ao ver por primeira vez o abellaruco díxonos: “ten todas as cores do arco da vella”!!! inesquencible.

Xa que estabamos por alí, aproveitamos un noiro para observar e aprender algo máis sobre eses materiais inertes … pero “vivos”, que nos rodean e os procesos nos que participan incluindo a relación coa vexetación e tamén a súa utilización pola fauna como o abellaruco ou a anduriña das barreiras.

Fin da xornada en Quintela de Hedroso

Xa volvendo, facemos una pequena incursión por terras de Viana circulando por estradas secundarias ata Quintela de Hedroso, entre soutos e lameiros ás veces con chamativos muros de pedra seca e construccións singulares entre pobos nos que aínda se traballa o campo.

E chega o punto de rematar, e vai ser na igrexa de San Martiño, outra magnifica construcción na que destacan algúns elementos construtivos románicos e outra singular pedra, nesta ocasión un gneis, motivo da última lección xeolóxica do día a cargo de José Ramón.

Como sempre, obxectivos cumplidos e con ganas de repetir … pero xa será o vindeiro ano. Só nos queda agradecer o traballo dos organizadores e a todos os asistentes a súa participación e o exquisito comportamento tanto no que toca á COVID como para a observación da fanua, e moi especialmente a aqueles que, ao longo do día, transmitiron o seu coñocemento e fixeron da xornada outro éxito. Moitas moitas grazas.