“Na procura do Abellaruco”, XIV edición, e celebración Día do Medio Ambiente

Eleximos o sábado día 08/06/2024 para celebrar esta dobre xornada, en compañía dun bo grupo de consocios e amigos que alí estivemos a pesar das perspectivas climáticas.

Na casa do parque do monumento natural das Médulas (León)

Para empezar e, como de todos é sabido que a natureza non entende de límites administrativos, este ano “ampliamos” territorio e comezamos a xornada de celebración do Día do Medio Ambiente en Carucedo coñecendo a Casa do Parque do Monumento natural das Médulas (León) e algunhas cousiñas máis sobre os nosos patrimonios culturais e naturais.

Hai que decir que os lazos cós nosos veciños de Carucedo son estreitos por proximidade xeográfica, por compartir o devir histórico, a evolución do rural, a economía das louseiras, a afección das actividades humanas sobre o entorno … E, a data de hoxe, tamén coincidimos no desenvolvemento dun proxecto xemelgo para a recuperación do nenúfar branco en colaboración con Gemosclera.

Todo esto quedou ben patente na visita guiada á Casa do Parque da man de Luis, o noso guía, quen repasou distintos aspectos ligados á singularidade do espazo mineiro das Médulas, á incidencia da súa explotación aurífera na conformación da paisaxe actual, á vida e usos tradicionais, ás novas economías, sin esquecer a importancia para as xeracións actuais de valorar o noso entorno así como a necesidade da súa conservación.

Con estas reflexións rematou a visita á Casa do Parque do Monumento natural das Médulas agradecendo ao noso guía Luis o seu traballo e sensibilidade e coa idea de facer algunha que outra visita pola zona.

O Lago de Carucedo

No paseiño ata a beira do lago falouse máis polo miúdo dos valores naturais deste espazo e do seu estado de conservación moi influído pola presenza de varias especies de fauna exótica invasora e tamén condicionado polas actividades acuáticas que nel se desenvolven. Tal e como nos conta Luis, os paisanos de Carucedo dicen que o lago xa non é o que era, que desapareceron os peixes que coñecían, que a vexetación das beiras vai menguando e que hai menos aves. Por exemplo, ata hai pouco había algo máis dun cento de Galos de auga (Fulica atra) que añiñaban no lago e agora xa non quedan. Tendo en conta que esta situación repítese tamén en Galicia, chégase á conclusión de que é preciso determinar as liñas mestras e prioridades para a xestión de cada espazo, todo un reto e unha responsabilidade para as Administracións e para as persoas.

Na procura do abellaruco

E, de seguido, marchamos Na procura do abellaruco, por suposto, sen esquecer o medio ambiente. Xa na provincia de Ourense, intentamos a busca do abellaruco nunha zona idónea onde a presenza da especie ven de lonxe. O obxectivo era claro, pero había certo desacougo entre os organizadores, pois este ano imos cun mes de adianto respecto as datas habituais e os abellarucos están empezando a tempada de cría.

O paseo dende os coches ata a zona de observación é amenizado polos concertos de varios reiseñores moi activos, mesmo algún “exhibicionista” deixouse ver longo tempo cantando desde a pola dun piñeiro queimado moi preto dun trigueirón que tentaba competir có canto do reiseñor.

Chegados á zona de observación, os primeiros momentos foron de tensa calma pois non había rastro dos abellarucos por máis que se escrutaron o ceo, os cables e o arboredo, especialmente as puntas secas das árbores. Na espera algúns aproveitaron para buscar insectos, fotografar os campos enchidos de flores ou simplemente compartir charlas e historias cós colegas, que ben que unha bubela nos fixo pasar un bo rato na espera … e de pronto … fugazmente … surcou o ceo … o primeiro abellaruco. Ao cabo dun intre localizouse outro pousado nunha árbore e un máis facendo acrobacias aéreas bastante lonxe. O importante é que conseguiuse o obxectivo e había que voltar aos coches a medida que aumentaba a nubosidade presaxiando choiva para a tarde.

No encoro de San Martiño

Despois dun xantar, algo ruidoso de máis (e non por nós), púxose rumbo ao Encoro de San Martiño na Rúa, espazo ben coñecido por algúns dos presentes e do que se dispón de moita información sobre as aves acuáticas invernantes pois SGHN censa este encoro desde 1985. Na beira do encoro faise un repaso dos datos dispoñibles, que amosan unha clara tendencia á diminución das aves acuáticas debido aos cambios que ao longo dos anos se teñen producido no encoro desde a desaparición da choupeira ata os usos deportivos que, entende SGHN, deberan estar limitados ás zonas menos sensibles; non obstante, compróbase ano a ano que se navega en todo o encoro incluíndo os lugares de cría.

Tamén se fai un repaso doutras curiosidades como as propostas fallidas dalgúns alcaldes da Rúa de instalar un parque xurásico ou un catamarán e tamén a instalación dun géyser que funcionou un par de veces e hoxe é unha estrutura metálica na que pousan de cando en vez as aves.

En canto a datos concretos de aves acuáticas invernantes, San Martiño tivo importancia a nivel nacional como zona de invernada de aves pola presenza dos parrulos cristado e chupón (máximos de 353 e 997 individuos en 1991), que diminuiron a súa presenza e desapareceron prácticamente desde o ano 2001 (máis…). Así mesmo, destaca o declive do Mergullón cristado unha especie que a xente consideraba moi abondosa pero que está en franca regresión neste encoro mentras se incrementa no resto da provincia de Ourense e mesmo noutros encoros da comarca (máis…). O primeiro exemplar de Corvo mariño grande citouse no ano 1991 momento dende o cal incrementou a súa presenza considerablemente ata convertirse na especie máis abondosa do encoro; o pico máximo foi en 2003, e desde 2007 produciuse un notable descenso da especie en San Martiño e un incremento no resto dos encoros da comarca (máis…).

No día da actividade albíscanse uns Corvos mariños grandes, unha Garza real, uns Mergullóns cristados e un pequeno grupo de Lavancos que descansan no embarcadoiro e mesmo algún se achega seguramente á espera de que lle boten algo pero non hai sorte con esta xente que, ao chegar a choiva, desaparece para poñerse a cuberto e seguir comentando estes e outros temas ambientais.

No Castro de Castrillón

A xornada remátase no Castro de Castrillón onde Juan “o arqueólogo” compañeiro e hoxe guía ofrécenos os seus coñecementos sobre o lugar, a arqueoloxía e o devir desde aqueles tempos.

O castro está moi preto de Larouco ocupando un espolón rochoso natural, presenta unha vexetación de clara tendencia mediterránea con carpazas, lavandas e aciñeiras, nunha paraxe de amplas vistas e magnífica paisaxe, na confluencía dos ríos Xares e Bibei. No castro houbo unhas recentes intervencións  arqueolóxicas e queda moito traballo por diante para avanzar no coñecemento deste asentamento fortificado ocupado hai máis de 2.000 anos.

Por mor da choiva e tendo en conta que o acceso ten unha pendente bastante pronunciada con zonas de rocha, óptase por quedar ao inicio da ruta que accede ó castro, desde onde se poden ver os foxos abertos na rocha do espolón e se intúe o foxo lateral no que se ten localizado un campo de pedras fincadas. Durante a intervención de Juan xurden moitas preguntas sobre a vida neses poboados, sobre a necesidade de facer esas enormes estruturas defensivas, sobre a relación entre poboados e, como non, sobre o abandono destes asentamentos e o impacto que tería nestas xentes a chegada das lexións romanas.

Con estas reflexións dase por rematada a xornada agradecendo a Juan a súa compañía, sabiduría e traballo, esperando que poidamos compartir outras xornadas tan interesantes e variadas como ésta.

Como sempre moitas grazas a todos os participantes, colaboradores e a todos os que fixeron posible disfrutar unha vez máis do día do medio ambiente e da procura do abellaruco