Nebulosa do Polo Corredor

No hemisferio sur na constelación de Centauro e no seu bordo sureste, xusto entre as constelacions da Cruz do Sur e a Quilla, atópase a estrela Lambda Centauri. Nas súas proximidades e rodeándoa temos a nebulosa do Polo Corredor. Recibe este nome polo seu aparente parecido cun polo xigante que corre polo ceo.

Trátase dun conxunto formado polo cúmulo aberto IC2944, que está circundado por unha nube vermella brillante de gas hidróxeno, compoñente típico das nebulosas de emisión en rexións de formación estelar masiva, IC 2948. Tamén é coñecida como Nebulosa Centauri Lambda, aínda que non ten nada que ver coa estrela Lambda Centauri, que só é unha estrela en primeiro plano na mesma liña de visión.

Formouse fai uns 8 millóns de anos e atópase a 6.500 anos luz de distancia. Ten uns 80 anos luz de diámetro e a súa magnitude oscila entre 3,1 e 4,5.

Como non é visible desde as nosas latitudes, teríamos que viaxar para vela ás illas Canarias. Mediante prismáticos e pequenos telescopios podemos ver un grupo de aproximadamente 30 estrelas distribuídas en 15 minutos de arco, non obstante a nebulosa é máis difícil de detectar. Pero no entanto podedes gozala na imaxe captada en Arxentina por un compañeiro da SGHN e Fotografía Ferrolterra.

Nebulosa do Polo Corredor