Espazo profundo: a Nebulosa Omega

A Nebulosa Omega, tamén coñecida como M17, é unha nebulosa de emisión de hidróxeno ionizado situada na constelación de Saxitario. É o lugar de nacemento de moitas estrelas, contén no seu núcleo o cúmulo aberto NGC 6618 un dos máis novos coñecidos, xa que se lle estima unha idade de só 1 millón de anos. Ten ao redor de 800 estrelas, aínda que posiblemente teña máis de 1000, que se atopan en fase de formación. Poderiámola definir como unha fábrica de estrelas esculpida e iluminada polos ventos, a luz e as radiacións producidas por estas estrelas.

Foi descuberta polo astrónomo suizo Philippe Loys de Chéseaux en 1745 e catalogada por Charles Messier, que a descubriu de xeito independente o 3 de xuño de 1764, describíndoa como unha sucesión de luz sen estrelas, de 6 minutos de arco de extensión. Atópase a uns 5.500 anos luz da Terra, ocupa unha rexión de ata 40 anos luz de diámetro, coa súa porción máis brillante cubrindo unha extensión de 15 anos luz. Ten unha magnitude de 6.

Tamén é coñecida como Messier 17, NGC 6618, Nebulosa do Cisne, Nebulosa da Ferradura, Nebulosa da Langosta, Nebulosa Checkmark, RCW 160, Sharpless 45, etc.

A Nebulosa Omega (Messier 17, NGC 6618)

É visible con prismáticos e moito mellor cun pequeno telescopio, apreciándoa como unha mancha grisácea. De momento podemos vela na imaxe obtida polos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN. Atópase nunha zona do ceo chéa de obxectos a identificar. Nas súas proximidades podémosnos atopar cos cúmulos abertos M18, M24, NGC6605, a Nebulosa do Aguia… e moitos máis.

  • Divulga ti tamén!

    RSS
    Facebook
    Facebook
    Twitter
    Instagram