Nova investigación sobre os zifios fósiles do Museo

A sección de mamíferos mariños da SGHN ven de colaborar nun novo estudo sobre fósiles de cetáceos publicado na revista Journal of Morphology. Esta liña de investigación afonda máis nos estudos comezados no 2006 coa chegada dos primeiros fósiles ao Museo de Historia Natural da SGHN e que no ano 2013 deu como froito a presentación de catro novas especies de zifios. Unha delas, o Globicetus hiberus, foi sometida a un estudo histolóxico para coñecer as súas estruturas ósea e coñecer a funcionalidade das mesmas.

Esta especie caracterízase por unha gran prominencia sobre o premaxilar de forma esférica que é obxecto de moitas discusións e interpretacións. Estas estruturas osteoescleróticas hiperplásicas permanecen baixo discusión xa que non existen equivalentes morfolóxicos noutros tetrápodos e a ecoloxía dos zifios é pouco coñecida. Unha das teorías máis consistentes e compatibles morfolóxica e estruturalmente é o recoñecemento acústico conespecífico dos machos en entornos con escasa ou nula visibilidade.