Novo traballo de investigación dende o MHN: Cerambycidae Latreille, 1902 (Coleoptera) de Galicia no MHN de SGHN en Ferrol

NOVO TRABALLO DE INVESTIGACIÓN DENDE O MUSEO DE HISTORIA NATURAL: Cerambycidae Latreille, 1802 (Coleoptera) de Galicia en la colección entomológica del Museo de Historia Natural de la SGHN (Ferrol, Galicia, España)

A revisión da colección entomolóxica do MHN, concretamente dos exemplares de Galicia da familia Cerambycidae (Insecta: Coleoptera), acaba de saír publicada e pódese acceder aos resultados nesta ligazón.

Neste traballo, realizado sobre material recollido nos anos 1985-2021 e que hoxe forma parte da colección entomolóxica do MHN, non só aportamos información ao coñecemento faunístico deste grupo en Galicia dando a coñecer algúns datos polo momento inéditos da coroloxía de certas especies, senón que tamén facemos visible unha parte desta colección entomolóxica ata hoxe descoñecida.

A colección de Cerambycidae de Galicia do MHN consta de 109 exemplares pertencentes a 37 especies, e os elementos que contan cun maior número de individuos son especies relativamente abundantes e cunha ampla distribución bioxeográfica.

Todo o material ao que se fai referencia no traballo conta coas pertinentes autorizacións por parte da Xunta de Galicia: Autorización nº 82-2006 da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o material anterior ao ano 2006, e autorizacións anuais para a excepción ás normas de protección xeral das especies de fauna silvestre expedidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.