O concello de Teo cuberto de eucaliptos para “buzoneo” de publicidade?

O caso de Compostela…

O seguimento exhaustivo durante un ano completo da publicidade impresa recibida mediante “buzoneo” nunha vivenda de Santiago de Compostela, nin moi céntrica nin no extrarradio, permitiu avaliar nuns 15,3 kg a cantidade de papel que se consume neste tipo de publicidade por domicilio e ano. Oito supermercados e hipermercados foron responsables da meirande parte do consumo de papel para buzoneo (77,0% do total), seguidos de lonxe por tres grandes superficies de bricolaxe (12,0%), catro cadeas de venda de electrodomésticos (3,2%) e sete de mobles (2,6%). O resto (5,2%) repártese entre unha trintena de empresas moi diversas: clínicas dentais, xogueterías, ximnasios, roupa, automóbiles, centros de ensinanza, compra-venda, etc.

Buzón ateigado de publicidade nun portal da zona estudada

...extrapolado a Galicia…

Se os 15,3 kg por domicilio fosen extrapolables ás sete grandes vilas galegas, nas que hai 543.692 vivendas, o consumo de papel en publicidade domiciliaria acadaría as 8.318 toneladas/ano. Desa cantidade, unhas 5.828 toneladas/ano poderían producirse con papel reciclado, pois a tasa de reciclaxe en España está nun 70,1%. As 2.490 toneladas/ano restantes terían que proceder de papel novo, producido a partires de 7.820 toneladas/ano de madeira de eucalipto. A produción media de eucalipto en Galicia está nuns 18 m3/ha/ano, que equivalen a unhas 19,4 toneladas/ha/ano. En resume: para producir as 7.820 toneladas/ano de madeira para “buzoneo” en Galicia é preciso manter 402 ha cubertas de eucaliptos.

…e ao resto de España

Unha extrapolación máis, a tomar coma sempre coas debidas precaucións. Se o promedio do consumo de papel para publicidade domiciliaria nas cidades e vilas españolas fose semellante ao do caso estudado farían falla máis de 152.000 toneladas/ano de madeira e máis de 7.800 ha de eucaliptos. Unha superficie equivalente á dun concello como Alfoz, Ames, Brión, Cervo, Cuntis, O Vicedo, Teo ou Toques, por nomear algúns moi “eucaliptizados”.

Que podes facer ti? Reduce o teu consumo de papel, reutiliza e recicla!!!