O pardal, un veciño en apuros

Conferencia de Antonio Ferreirós e Laura Iglesias

Desde hai tempo o pardal está a sufrir un declive alarmante (21% nos últimos 30 anos) e incluso ten desaparecido dalgunhas capitais europeas como Londres ou Bruxelas. Ante esto, instaurouse a data do 20 de marzo como o día mundial do pardal, precisamente para chamar a atención sobre a problemática que os atañe.

Neste ano, para o 20 de marzo SGHN tiña preparada unha conferencia sobre o pardal, pero por causa do Covid 19, non se puideron desenvolver os actos previstos. Sen embargo, o estado da especie require a urxente toma de conciencia por parte de todos e nada mellor que afondar no coñecemento do noso veciño o pardal a través desta conferencia. E, xa que falamos do coronarivus e da perda de especies, nada mellor que empezar lembrando que, como indican moitos expertos, a simplificación dos ecosistemas e a perda de biodiversidade favorece que algúns organismos entren en contacto coas sociedades humanas con consecuencias graves ou moi graves como hoxe ben sabemos. E celebrouse a conferencia coas medidas de seguridade axeitadas.

O pardal común e os outros pardais

Feita esta introducción, imos repasar algunhas cousiñas novas que aprendimos da mán dos nosos compañeiros Antonio e Laura. O pardal (Passer domesticus) é unha das cinco especies de pardais que se poden ver en Galicia.

O pardal é unha especie que acompaña o devir da especie humana desde o inicio da agricultura. Adaptouse aos nosos novos modos de vida acompañándonos na etapa urbana e modificando a súa alimentación maiormente granívora polas migas de pan e restos da alimentación dos humanos. Ademáis constrúe os seus niños en parques e edificios de pobos e cidades.

Causas do declive

A adaptación do pardao ao ser humano é causa da súa desaparición global pola confluencia de múltiples causas:

  • Falta de materiais e lugares axeitados para aniñar.
  • Uso de fitosanitarios e eliminación dos insectos básicos para a alimentación dos polos.
  • Desbroces intesivos de zonas verdes que limitan a dispoñibilidade de sementes.
  • Falta de espazos verdes e arboredo para as primeiras etapas de vida.
  • Falta de zonas vexetais onde refuxiarse ou descansar.
  • Falta de alimentos adecuados substituídos por migallas e/ou restos da alimentación humana carentes dos nutrientes esenciais para a correcta nutrición das aves.
  • Contaminación ambiental.
  • Estrés ata durante a noite pola iluminación artificial.
  • “Secuestros” ben intencionados de volantóns que parecen desatendidos e en perigo pero non o están.
  • E, en tempos do coronavirus, dificultades de acceso ao auga por falta de funcionamento das fontes de parques e xardíns.

Axudando aos pardais

Velaquí algunhas accións sinxelas que axuden á conservación e mellora da calidade de vida dos nosos veciños os pardais:

  • Instalar caixas niño.
  • Instalar bebedoiros.
  • Evitar o acceso das aves a alimentos non adecuados como pan, patacas fritas, “gusanitos”, …
  • Non recoller polos volantóns salvo situación grave para o ave.
  • Evitar a predación por parte das mascotas.

Ademais, podemos apoiar e impulsar un cambio na xestión urbana baseado no coidado das zonas verdes, na instalación de illas “silvestres”, na ampliación de elementos verdes, na introducción das segas selectivas. Estes cambios melloran as condicións de “habitabilidade” para moitas especies. Tamén para nós, porque a natureza nas ciudades aporta servizos importantes e mellora a calidade de vida da poboación. Baste lembrar que os espazos verdes urbanos amortecen a temperatura, purifican o ár e contribúen a fixar o CO2.

Estas e outras moitas reflexións recollidas durante a conferencia deben de ser a base para traballar nun cambio de modelo urbano na procura de cidades máis sans e sostibles nas que os pardais, os humanos e outras especies poidamos seguir acompañándonos no futuro.