Contra a “basuraleza” no Faramontaos

O pasado 12/06/21, a Sección Antela participou na quinta edición de “1 m2 contra la basuraleza”, a gran recollida colaborativa cidadá para liberar a natureza dos residuos abandonados, nesta ocasión, seguindo as normas COVID cun grupo reducido e tendo en conta as medidas de seguridade sanitaria establecidas polos organizadores SEO/ECOEMBES.

Nesta ocasión a actividade desenvolveuse nun dos predios alugados pola SGHN ao Banco de Terras de Galicia situado no bordo do río Faramontaos preto de Abavides. Despois de explicar as características do lugar de traballo e repasar as normas a seguir puxémonos máns a obra e nunca mellor dito pois nesta ocasión tratábase de retirar restos de poliuretano expandido procedentes posiblemente da reforma dalgún tellado.

Có paso do tempo estes residuos tenden a fragmentarse e soen ser bastante fráxiles disgregándose en pequenas partículas cada vez más difíciles de retirar. Na primeira visita que se realizou a esta parcela os restos estaban ben a vista ao estar debaixo dunha liña eléctrica recén desbrozada pero como a vexetación medrou houbo que buscar os restos entre as herbas. Á vista do estado da vexetación e dun probable novo desbroce tratouse de recoller primeiro os restos máis voluminosos, antes de que se desfagan máis, e despois os máis miúdos.

Ao longo da mañá o grupo de voluntarios recolleu casi 1m3 destes residuos nunha superficie de preto de 150 m2. Coma sempre, todo grazas ao inestimable traballo dos magníficos voluntarios que colaboran coa Sección Antela.