Os cirrios

Hoxe, 7 de xuño, celébrase a II edición do Día Internacional do Cirrio, unha iniciativa da organización Martinets Sans Frontières, que trata de concienciar á poboación sobre a importancia destas fantásticas aves que conviven con nós dende fai séculos. Como parte da conmemoración deste día, adicamos unha ficha identificativa a estas aves insectivoras, das que voan varias especies nos nosos ceos e nos lembran o verán co seus reclamos. A podes descargar gratuitamente premendo aquí.

Dende mediados de abril, sobre os ceos das nosas cidades e vilas, voan incesantes os cirrios. Chegaron da súa migración para cumprir cunha promesa que se perde na noite dos tempos, a promesa do retorno. Nestes días poden verse centos deles coma fugaces sombras negras con forma de fouce, movéndose entre os restos da tormenta co seu rápido batir de ás, seus planeos contra o vento e os seus característicos chíos.

Estes pequenos veciños, tan representativos da primavera e do verán, chegaron tras facer unha viaxe de 10.000 km dende o sur de África onde pasan o inverno. Para isto fixeron un épico percorrido a través das costas de Tanzania, bordeando a costa atlántica do continente africano e cruzando o Sahel, nun voo ininterrompido que non coñece fronteiras.

Algúns dos cirrios que hoxe vemos serpentear entre os edificios das nosas cidades non pousaron dende que abandoaron o seu niño, fai xa case dous anos. Estas fascinantes aves de só 35 gramos de peso pasan a práctica totalidade da súa vida no ar: comen, beben, copulan e durmen mentres voan.

Estarán con nós ata o mes de setembro, planeando polos nosos ceos cos seus peteiros abertos para atrapar o seu alimento, pequenos insectos voadores que conforman o chamado plancton aéreo. Coa chegada da noite elévanse en grupos ata uns dous mil metros de altura voando en círculos mentres unha parte do seu cerebro entra nunha especie de letargo que lles permite descansar. Voando, sempre voando, axenos ás nosas batallas e pousando unicamente no período que requira sacar adiante aos seus polos.

Para quen queira e poda, recomendamos sair á ventá, miralos, escoitalos e sentir que voas con eles.