Avionetas e drons: patente de corso contra a Rede Natura 2000?

O que di a normativa ambiental

“Agás misións de auxilio, vixilancia, salvamento, extinción de incendios ou outras cuestións de interese xeral“, o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014) establece que é necesaria “autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de conservación da natureza” para “o voo de aeronaves (avionetas, globos aerostáticos, ás-deltas, parapente ou calquera outro artefacto voador), incluíndo as manobras de despegue e aterraxe, cando se realice a menos de 1.000 metros de altitude.”

O que está a acontecer na realidade

Ao longo dos últimos 14 meses SGHN dirixírase xa en 4 ocasións á D.X. de Patrimonio Natural alertando de que se estaban a observar reiterados despegues, aterraxes e voos a moi baixa altura de diferentes avionetas (matrículas EC-FC5, EC-ZTZ, EC-MVL) dende a base de avións lixeiros de carga en terra na chaira de Antela (A Limia, Ourense). Os escritos de SGHN adxuntaban mesmo fotografías desas aeronaves estacionadas e/ou despegando dende dita base de avións contra-incendios, así como das matrículas dos automóbiles aparcados a carón da pista de despegue, para que a DX de Patrimonio Natural puidese identificar aos infractores e conminalos a cumprir a normativa ambiental vixente.

Avioneta allea aos servizos de extinción de incendios despegando dende a base de avións lixeiros de carga en terra na chaira de Antela

Tanto en 2019 como en 2020 as datas das observacións coinciden coa maior intensidade do paso migratorio pre-nupcial de aves na ZEPA de A Limia e co periodo de cría de moitas especies de aves, nomeadamente da avefría ou conícora (Vanellus vanellus) pois a totalidade dos seus efectivos reprodutores en Galicia concéntranse na ZEPA da Limia.

Nas últimas semanas, ademais de avionetas (ata dúas en voo simultáneamente), observouse a presenza dun dron sobrevoando a moi baixa cota a ZEPA de A Limia, mesmo perseguindo/hostigando a unha ave de presa en voo ao longo do emisario principal de Antela.

Din que non hai quinto malo

A ver si é certo, pois por quinta vez SGHN ven de reclamar á D.X. de Patrimonio Natural que ACTÚE XA! en exercicio das súas competencias e obrigas legais, para facer cumprir o Decreto 37/2014 e impedir o voo a menos de 1.000 m de altura de todo tipo de aeronaves non expresamente autorizadas sobre a ZEPA de A Limia en particular, e o conxunto da Rede Natura 2000 en xeral.