Nun terreo rústico de 188 ha nas parroquias de Fornelos de Filloás e Fradelos (Viana do Bolo, Ourense), PARATERMO ENERGÍA, S.L solicitou os permisos para “Implantación de una planta de producción de combustible industrial mediante gasificación de carbón utilizando como energía la producida por radiación solar” . Dita instalación industrial:
- Consumiría como materias primas 75.000 Tm/ano de carbón (aínda que logo fala “de case 100.000 Tm/ano”) e 37.500 m3/ano de auga.
- Produciría anualmente 75.000 Tm de metanol, 375 Tm de hidróxeno, 4.500 Mwh de enerxía solar con 3 paraboloides de 83 m de diámetro cada un e xeraría 18.750 Tm de cinzas.
Faraónico e fantasioso
O orzamento do proxecto de PARATERMO ENERGÍA acadaría os 54 millóns de euros que, supostamente, se cubrirían con 35 millóns en créditos, 2,8 millóns en subvencións de Incentivos Económicos Rexionais e presuntamente 16,2 millóns co capital social, que é só de 3.000 euros!!! Deles, 1.500 euros foron aportados por Daniel González González que en nome propio ou das empresas Guradoor SL e Lisply SA, xa estivo involucrado en tres mega-proxectos semellantes (todos fallidos) para a produción de metanol e hidróxeno empregando enerxía solar e ocupando sempre grandes extensións de terreos rústicos, en Granadilla de Abona (Tenerife, 2009), Tabernas (Almería, 2012) e Bergantiños (A Coruña, 2015); os dous primeiros iniciados sen permisos e paralizados pola administración que gañou os recursos xudiciais presentados polas empresas que reclamaban indemnizacións por lucro cesante de 50 e 620 millóns de euros diarios!!!
Como no caso de Tabernas (Almería), os impulsores do presente proxecto de PARATERMO ENERGÍA obtiveron un informe favorable do arquitecto asesor do Concello de Viana do Bolo (en base a unha interpretación moi sui generis da Lei 2/2010 de ordenación urbanística e proteción do medio rural de Galicia (LOUGA) pretendendo facer un subterfuxio legal en total ignorancia e incumprimento do establecido ao respecto na Lei 22/1973 de minas e na Lei 3/2008 de ordenación da minería de Galicia.
Impacto paisaxístico
- A instalación industrial tería un moi forte impacto paisaxístico, incompatible co espírito e a letra da Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, pois:
- Preténdese construir nun terreo que se recoñece explícitamente como de “paisaxe abrupta” e no que a explanación de 3 ha de terreo á cota 900 m snm conlevaría un terraplenado de ata 24 m de altura na zona de maior desnivel, de integración moi difícil ou imposible na paisaxe da zona.
- Suporía o desbroce permanente nunha franxa perimetral de 100 m de largura ata deixala “libre de vexetación”, de integración paisaxística moi difícil ou imposible.
- Contempla a instalación de 3 paraboloides para captar enerxía solar cun diámetro de 83 m e a construción dunha nave coas dimensións dun campo de fútbol (65 x 100 m) e 10 m de altura para almacenamento e tratamento de carbón, totalmente imposibles de integrar na paisaxe da zona.
Impacto sobre a biodiversidade e os espazos naturais
- Situaríase a menos de 6 km do Parque Natural do Invernadoiro, a menos de 2 km da ZEC Macizo Central Ourensán, e nun tramo do río Camba incluido na “Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia” (ano 2011. Anexo-I Cartografía dos LIC ampliados” páx. 77) e vén así expresamente sinalado na web da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (ver).
- Afectaría directamente a un hábitat de interese comunitario (4030: Queirogais secos europeos) e a un hábitat de conservación prioritaria na Unión Europea (91E0*: Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsor).
- Afectaría negativamente a un total de doce especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas:
- Unha especie de planta en perigo de extinción (Eryngium duriaei) e outra vulnerable (Silene marizii).
- Unha especie de invertebrado acuático en perigo de extinción a nivel galego e español (Margaritifera margaritifera) que ten na zona a cuarta poboación máis grande de Galicia.
- Nove especies de vertebrados ameazadas: un anfibio vulnerable (Rana iberica), dúas aves en perigo de extinción [Aquila chrysaetos,(afectaría ao territorio dunha das escasas parellas reprodutoras en Galicia), Milvus milvus] e tres vulnerables (Bubo bubo, Circus cyaneus, Circus pygargus), así como tres mamíferos catalogados como vulnerables (Galemys pyrenaicus, Rhinolophus ferrumequinum, Rhinolophus hipposideros).
Peticións de SGHN
- Que se desbote total e definitivamente o proxecto de Paratermo Energía SL na zona prevista (máis…).
- Que o Concello de Viana do Bolo non lle conceda licencia municipal (máis…).
- Que se convoque unha xuntanza extraordinaria do Observatorio Galego da Biodiversidade para avaliar e informar os seus efectos sobre as especies ameazadas presentes na zona (máis…).