‘Pastorear’ incendios? Mellor pastorear gando

Fai uns días, Alejandro García Hernández defendía nas páxinas de El País que “as queimas prescritas e o ‘pastoreo’ dos incendios son unha ferramenta sensata e eficiente” para loitar contra os grandes incendios forestais. En base á miña experiencia, como investigador sobre o tema e habitante dunha das zonas con maior actividade incendiaria de toda Europa, creo que esa afirmación necesita, cando menos, ser moi matizada; como advirte a sabedoría popular, se xogamos con lume é probable que acabemos queimándonos. Convén ter presente que tanto as queimas prescritas como os incendios teñen efectos sobre a saúde humana, a economía, a atmosfera, as augas, os solos, a vexetación e a fauna; efectos que poucas veces, ou nunca, son tidos en conta axeitadamente e no seu conxunto.

Por unha banda, a execución de queimas prescritas cunhas mínimas garantías é laboriosa e custosa, polo que con relativa frecuencia fanse mal e afectan a máis superficie da prevista, chegando ata a converterse en grandes incendios forestais. Sen ir máis lonxe, fai tres meses a Xunta de Galicia foi condenada a indemnizar con 160.000 euros aos propietarios dun piñeiral madeirable arrasado por unha queima prevista para 2 ha de mato pero que consumiu 475 ha, moitas delas arboredos.

Pero aínda que sexan técnicamente ben realizadas, as queimas prescritas non están exentas de consecuencias e no CSIC comprobamos que ata no caso de superficies pequenas (1 ha) e queimas prescritas de baixa severidade, nas que a erosión foi relativamente escasa, a choiva pode provocar perdas desproporcionadamente elevadas de nutrientes, pois arrastra as capas máis superficiais e fértiles do solo, empobrecéndoo. Neste punto convén recordar que os solos son a base – ‘os cimentos’ – de todos os ecosistemas terrestres e, xa que logo, dos bens e servizos que estes proporcionan á humanidade. Co lume e a erosión posterior redúcese tamén a capacidade dos solos para actuar como xigantesca ‘esponxa’ que se empapa cando chove, reducindo así as enchentes, e libera lentamente a auga despois, reducindo as secas.

Ademais, sexa nun incendio ‘pastoreado’ ou nunha queima prescrita, a combustión incompleta da materia orgánica de solos e vexetación xera inevitablemente hidrocarburos policíclicos aromáticos tóxicos, dos que xa se documentou a súa sedimentación en encoros e zonas costeiras, afectando a especies ameazadas e hipotecando a riqueza pesqueira e marisqueira. As cinzas adoitan tamén conter concentracións demasiado elevadas dalgúns micronutrientes e metais pesados, con riscos aínda non avaliados para os lugares onde se sedimentan.

Por outra banda, os datos oficiais indican que o 78% dos incendios en España orixínanse por causas antrópicas (queimas deliberadas, accidentes e neglixencias). Xa que logo, no seu maior parte os grandes incendios forestais NON “son a consecuencia da acumulación de excedentes de vexetación, o denominado combustible forestal”, senón da intervención humana. Por iso, se pensamos que “o denominado Triángulo do Lume recórdanos constantemente que só podemos actuar fronte ao combustible” estaremos confundíndonos de figura xeométrica e, o que é máis importante, de obxectivo principal de actuación. No actual mundo tan humanizado, o que existe é máis ben un ‘Cadrado do Lume’, coa nosa especie dominándoo desde unha das esquinas, e nada conseguiremos se non actuamos sobre o principal causante dos incendios forestais, grandes e pequenos: a actividade humana.

O mato non é o inimigo. En ocasións constitúe hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea e é refuxio de especies moi ameazadas. Noutros casos é unha importante etapa da sucesión secundaria que conducirá á recuperación do bosque. Pero si, unha superficie continua de mato (ou de herbas secas, de eucaliptos, piñeiros ou acacias) pode facilitar moito a propagación dun incendio. Ademais de actuar sobre a orixe do lume (recordemos: 78% causados polo home), para reducir a súa propagación debemos xerar discontinuidades e crear un mosaico de hábitats diferentes, por outra banda moi beneficioso para a biodiversidade. Para iso dispoñemos basicamente de tres ferramentas: dente, ferro e lume, é dicir, pastorear, rozar ou queimar. Máis aló duns postos de traballo coxunturais, as queimas prescritas e o ‘pastoreo’ dos incendios non producen bens ou riqueza e teñen en contra os maiores efectos ambientais. En circunstancias parecidas atópanse as rozas, pero con menor impacto ambiental. E logo temos o ‘pastoreo de verdade’, con gando en réxime extensivo ou semi-extensivo que, ao suplir aos grandes herbívoros salvaxes que temos decimado ou extinguido, controla o crecemento da biomasa vexetal (mal chamada combustible) e contribúe a conservar un mosaico de hábitats, á vez que xera postos de traballo estruturais, axuda a manter a poboación rural e produce alimentos. A súa recuperación, ademais, axudaría a reducir a gandería industrial estabulada, mantida a base de piensos en gran parte importados e que está xerando graves impactos ambientais, e ata sanitarios, en numerosas comarcas (máis…).

Por todo iso, na miña opinión, a solución do grave problema dos incendios forestais no noso país pasa por actuar decididamente e canto antes sobre as causas de orixe humana, promocionar un pastoreo (semi)-extensivo sostible e ben xestionado, e recorrer a desbroces mecánicos onde sexa necesario. E cando recuperemos un rexime de incendios máis ou menos natural – en canto a extensión, severidade e frecuencia – entón poderiamos plantexarnos non extinguir, ou ‘pastorear’, os incendios de orixe natural.

Artigo enviado á Sección de Opinión de El País por Serafín González (Presidente de SGHN e Investigador Científico do CSIC).