Presqueiras: a maior mina de tantalio de Europa?

O proxecto de Solid Mines España

Solid Resources Ltd. é unha empresa mineira canadiana que posúe o 100% de Solid Mines España S.A.U. (ver). Unha das súas concesións é Alberta-I, que abrangue 85 cuadrículas mineiras (2.395 ha), sobre todo nos concellos de Avión e Beariz (Ourense), pero tamén nos de A Lama, Cerdedo e Forcarei (Pontevedra). Ademais de niobio, litio, cesio e rubidio, na concesión hai estaño e tantalio que quere explotar na que, segundo algunhas informacións, podería ser a maior mina de tantalio de Europa (máis…).

De momento, Solid Mines España S.A.U. proxecta poñer en explotación a zona Norte nos arredores de Presqueiras (Forcarei), con recursos para unha explotación sostida durante alomenos 10 anos, pero a concesión é por 30 anos, prorrogables por periodos iguais ata un máximo de 90 anos. A empresa pretende construir galerías subterráneas para extraer 500.000 t/ano de rochas das que aproveitarían a casiterita (estaño) e a tantalita (tantalio). Estes minerais concentraríanse sen empregar reactivos químicos, senón métodos gravimétricos aproveitando que teñen unha densidade (6,8-8,0 g/cm3) maior que a dos minerais acompañantes (2,8-3,0 g/cm3). Despois a tantalita (magnética) separaríase da casiterita (non magnética) nun separador magnético. Os estériles depositaríanse nunha entulleira temporal, pois a meirande parte serían finalmente reintegrados ao interior da mina subterránea.

Alegacións de SGHN ao proxecto

SGHN ven de enviar as súas consideracións ambientais en resposta ás consultas para a determinación do alcance do estudo de impacto do proxecto nas que salienta:

  • Que, ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no Artigo 6 da Directiva 92/43/CEE e no Artigo 45.6 da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, non se autorice a afección sobre:
    • Os hábitats de conservación prioritaria na UE (Directiva 92/43/CEE) existentes na zona, nomeadamente o hábitat 4020 Uceiras húmidas atlánticas meridionais de Erica ciliaris e Erica tetralix.
    • Especies incluidas no Anexo II da Lei 42/2007 presentes na zona, nomeadamente a poboación hibernante do morcego Rhinolophus ferrumequinum.
    • As zonas da Rede Natura 2000, nomeadamente o LIC Serra do Cando adxacente ao perímetro do permiso de investigación mineira.
  • Que se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre:
    • Os hábitats de interese comunitario (Directiva 92/43/CEE) e estudie alternativas para minimizalos canto sexa técnica e ambientalmente posible.
    • As especies de aves incluidas no anexo I da Directiva 2009/147/CE, nos Anexos IV e V da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, nos Libros Vermellos estatais e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas presentes na zona, con especial atención ás poboacións hibernantes dos morcegos Myotis daubentoni e Myotis nattereri, e se contemple a adopción de medidas mitigadoras.
  • Que se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos Plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.
  • Que o estudio de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor a presencia de torio e outros elementos radioactivos asociados aos minerais (tantalita e casiterita) que se pretenden explotar e, no caso de que estean presentes no xacemento, explicite as medidas previstas para evitar afeccións negativas sobre a saúde humana e a dos ecosistemas.
Situación da mina de Presqueiras con respecto ás ZEC da Serra do Cando e Serra do Candán