Quén, cómo, cando e onde debe explotar os recursos naturais estratéxicos non renovables de Galicia?

Dous proxectos de explotación de estaño e tantalio

As empresas Solid Mines España S.A.U. e Pacific Strategic Minerals Spain, S.L.U, que pretenden explotar minas de estaño e tantalio en Presqueiras (Forcarei, Pontevedra) e Penouta (Viana do Bolo, Ourense), respectivamente; teñen en común que:

  • Son filiais de empresas canadianas, polo que mesmo podería pensarse que Canadá e/ou as súas empresas mineiras teñen unha estratexia definida para a explotación dos xacementos galegos de estaño e, sobre todo, tantalio. Solid Resources Ltd. mesmo recoñece expresamente na súa web que está centrada exclusivamente na “estratexia de adquirir antigas explotacións mineiras atractivas, con excelente infraestrutura e próximas a portos mariños profundos en España”. Tan a gusto se debe sentir en Galicia que na súa web se refire incorrectamente á concesión de Presqueiras-Doade como “propiedade”, á cal bautizou como Alberta-I, seguramente porque a empresa ten a súa matriz en Calgary, no estado canadiano de Alberta.
  • Teñen as súas sedes nun radio de 500 m no polígono industrial Montalvo, situado a cabalo entre os concellos de Salamanca e Carbajosa de la Sagrada. Polo tanto, os beneficios da extracción de tantalio en Galicia e o imposto de sociedades tributarían na comunidade autónoma de Castilla-León.
  • Proxectan só extraer e preconcentrar a casiterita e tantalita, que se exportaría para a súa fundición e refinado, polo que a súa actividade extractiva en Galicia estaría desvinculada da actividade industrial que xenera moito máis emprego e valor engadido.
Tantalita (imaxe de Wikipedia)
As materias primas “críticas”

Todos os xacementos minerais son recursos naturais non renovables que en España están legalmente considerados como “bens de dominio público” (Artigo 2.1 da Lei 22/1973 de Minas) e tanto en Europa como nos EEUU, o tantalio está considerado como unha materia prima crítica (European Commission, 2010; U.S. Geological Survey, 2012). Xa que logo, o tantalio é un recurso natural estratéxico e non renovable.

No devandito informe da UE (European Commission, 2010) saliéntase que “Moitas economías emerxentes están a desenvolver estratexias industriais por medio de comercio, impostos e instrumentos de investimento co fin de reservar para o seu uso exclusivo os seus recursos básicos”. Nese senso, convén lembrar que para explotar recursos naturais renovables, dende hai varios decenios as empresas pesqueiras galegas tiveron que constituir empresas mixtas con outros países para poder explotar os seus caladoiros. Por todo o cal, SGHN ven de dirixirse ao Presidente da Xunta de Galicia solicitándolle:

  • Que informe a SGHN sobre se o Goberno Galego ten definida unha estratexia para a xestión e explotación das materias primas estratéxicas en Galicia. En caso afirmativo, SGHN solicitalle unha copia da documentación correspondente, preferiblemente en soporte electrónico.
  • Que se faga unha reflexión profunda e serena sobre a conveniencia e idoneidade de que a propia Xunta de Galicia teña participación, voz e capacidade de veto nas empresas que exploten os recursos naturais estratéxicos e non renovables de Galicia.
Bibliografía citada

European Commission (2010). Critical raw materials for the EU. Report of the Ad-hoc Working Group on defining critical raw materials. http://ec.europa.eu/enterprise/policies/rawmaterials/documents/ index_en.htm

U.S. Geological Survey (2012). Mineral commodity summaries 2012. U.S. Geological Survey, 198 páx.